José Ramón Gómez Besteiro Voto emigrante 15 de septiembre de 2026

Besteiro acusa a Rueda e Feijóo de diferenciar entre españois “premium” e a nacionalidade “manca e sen voto” dos galegos emigrantes

O líder dos socialistas galegos acusa ao PP de “facer política cos dereitos constitucionais” pola “desconfianza de se van votar ben ou mal” e lembra que a Lei de Memoria Democrática xa estaba en vigor nos comicios de 2023 e 2024

A Coruña, 15 de setembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiulle hoxe a Rueda e Feijóo que “non hai galegos e galegas a medias, non pode haber nacionalidades mancas ou coxas”, que non poidan votar. Así o dixo logo das declaracións de Rueda, que onte cuestionou o voto emigrante logo da reunión do Consello da Xunta.

Besteiro criticou que o PP está a despregar unha campaña contraria ao voto dos emigrantes “pola desconfianza do que van votar, se van votar ben ou van votar mal”, en cointra da Lei de Memoria Democrática que, lembrou, “é a mesma que funcionou nas eleccións de 2023 e 2024”. O líder socialista criticou que o PP estea a “facer política cos dereitos constitucionais coas persoas que teñen recoñecida a súa nacionalidade”.

Criticou que o PP e a ultradereita teñan defendido o auto xudicial sobre esta norma para que “haxa persoas cunha nacionalidade premium e os que teñen un pack básico e que efectivamente non van poder votar”. Criticou que os de Rueda empreguen un dereito constitucional para “dividir” en lugar de “estar ao que debera estar un partido democrático, que é unir á sociedade en torno a un proxecto democrático de futuro”.

Explicou que a Lei de Memoria Democrática “non outorga un favor, senón que repara unha débeda co mundo da emigración” e cos milleiros de galegos e de galegas que tiveron que fuxir perdendo a súa nacionalidade. Preguintoulle a Rueda “con que cara se vai presentar” fronte á diáspora con esa “traizón máis que evidente á emigración”.

Noticias relacionadas