- Comprobou na estación da Coruña como os autobuses deixaban viaxeiros en terra e denunciou “unha ringleira de irregularidades e fallos” mentres a Xunta “mira para outro lado”
- O secretario xeral do PSdeG advertiu que “non hai medios suficientes” para a prestación axeitada do servizo e os horarios das liñas “non son axeitados”
A Coruña, 28 de setembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, clamou hoxe na Coruña contra o “verdadeiro desastre” no que o PP convertiu durante os últimos anos o transporte de viaxeiros por estrada. Tras falar na estación de autobuses con usuarios que denunciaban o mal funcionamento do servizo, algúns dos cales mesmo quedaron en terra debido á falta de espazo nos autobuses, o líder socialista cargou contra “a mobilidade mal deseñada” dos Gobernos de Feijoo e Rueda.
Durante a súa visita ás instalacións, o secretario xeral estivo acompañado polo secretario provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, os deputados Silvia Longueira e Aitor Bouza e alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas nos concellos da contorna coruñesa.
“Hai paradas ás que o bus non chega, e se chega, non para”, censurou Besteiro sobre un problema que afecta a “cerca de 500.000 galegos e galegas que deberan gozar dun transporte moderno”, pero que sofren a diario mentres a Xunta “prefire mirar para outro lado”. Por iso, lamentou que o Goberno galego “prefire buscar escusas” en lugar de resolver a situación.
José Ramón Gómez Besteiro chamou ao Executivo de Rueda a planificar un servizo axeitado, redimensionar as liñas e, “sobre todo”, poñer a funcionar a inspección, “porque se están producindo incumprimentos manifestos”, afirmou. Nese senso, sinalou que a Administración autonómica debe adoitar medidas.
Existen, dixo, “unha ringleira de irregularidades e de fallos”, entre os que salientou a falta de medios suficientes e que os horarios “non son axeitados”, tal como lle insistiron os propios usuarios e usuarias durante o seu percorrido pola dársena de saídas da estación coruñesa.
“Isto ten un responsable: quen ten que dimensionar todo isto é a Xunta”, insistiu o secretario xeral socialista, que recordou que as consecuencias do desmantelamento dun servizo que antes funcionaba razoablemente ben padécenas persoas que precisan desprazarse para traballar, estudar, acudir a unha cita médica ou acceder a outros servizos públicos.
Por iso, tras sinalar exemplos coma os recentes e graves problemas en liñas como as que unen a capital de provincia con Ferrol, Betanzos ou Carballo, que están a provocar numerosas protestas, alertou que de os buses non poden seguir circulando ateigados, mesmo con persoas de pé, con faltas de puntualidade escandalosas e deixando á xente tirada nas paradas. E chamou, especialmente, a escoitar as necesidades dos viaxeiros e viaxeiras.
“Auténtica desfeita”
Bernardo Fernández sinalou tamén a “auténtica desfeita” na que se ten convertido o transporte en bus no último lustro. “Levamos cinco anos falando coa Xunta, cinco anos de total inmobilismo”, criticou o tamén alcalde de Pontedeume respecto da inacción do Goberno galego. Máis aínda cando “está perfectamente identificado cal é o problema: uns pregos de condicións que non se axustan á realidade”, explicou para lembrar que o servizo, “hai cinco anos, funcionaba perfectamente”.
“Se nese tempo unha Administración autonómica non é capaz de corrixir o problema, está fallando, e algúen ten que asumir responsabilidades e marchar para a súa casa, porque isto é dunha total e absoluta incompetencia”, dixo Fernández Piñeiro.
