José Ramón Gómez Besteiro PARLAMENTO DE GALICIA Vivenda 28 de septiembre de 2026

Besteiro empraza a Rueda a esixirlle a Feijóo que apoie o decreto contra os desafiuzamentos porque «as familias galegas vulnerables non poden esperar»

O líder dos socialistas galegos sinala que “Maricarmen vive en Madrid, pero a súa historia podería pasar en Galicia”, onde en 2023 e 2024 838 persoas quedaron sen Bono de Alugueiro Social e “detrás de cada solicitude hai alguén que necesita axuda e non a recibiu”

Considera “positivo” o Acordo do Galego, que rompe co veto ás materias científicas sen bloques e garante un “control real” de que o 50 por cento das materias se impartan en lingua galega

Replica que “o único bloqueo que hai é a pinza de BNG e PP” para reducir a capacidade de fiscalización do PSdeG nas preguntar ao presidente e dende hai un ano no Consello da CRTVG, mentres manteñen bloqueada a designación do adxunto á Valedora

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2026. O portavoz do Grupo Socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dirixiuse hoxe a Rueda para reclamarlle que convenza a Feijóo de apoiar o decreto contra os desafiuzamentos no momento en que o aprobe o Consello de Ministros. Besteiro sinalou que “as familias galegas vulnerables non poden esperar” para ter unha resposta ao principal problema da cidadanía, como quedou manifesto pola resposta social ao desafiuzamento de Maricarmen.

O líder dos socialistas galegos aludiu ao voto de PP e Vox, que en febreiro votaron en contra da prórroga do escudo social que permitía suspender os desafiuzamentos das persoas vulnerables. Emprazou ao PP a apoiar o decreto do goberno para recuperar a protección a estas persoas no momento en que o goberno o presente no Congreso.

Explicou que “Maricarmen vive en Madrid, pero a súa historia podería pasar aquí”, porque en Galicia hai milleiros de persoas que “fan contas cada fin de mes para saber se poderán pagar a vivenda”. Explicou que en máis de 78.000 fogares galegos o custe da vivenda deixa á familia por baixo do limiar da pobreza severa, ademais de que xa hai 36.500 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda, o 85 por cento buscando alugueiro público.

Engadiu que en 2023 e 2024 un total de 868 persoas quedaron sen o bono de alugueiro social, e “detrás de cada solicitude hai alguén que necesitaba axuda e non a recibiu” a pesares de que a Xunta “ten ferramentas para actuar sobre os prezos” e “xa non pode seguir poñendo escusas para non aplicar a Lei” de Vivenda.

Sinalou a resolución do Tribunal Constitucional rexeitando o recurso da Xunta contra esta  norma, co que a Xunta “ten ferramentas para actuar sobre os prezos” da vivenda e declarar de oficio as zonas de mercado residencial tensionado. Reclamoulle ao goberno galego que logo da sentenza “non sexan insubmisos” e cumpran coa Lei de Vivenda para poñer en marcha mecanismos de apoio á cidadanía que non pode soportar os elevados prezos da vivenda.

Acordo do Galego

En resposta a preguntas dos xornalistas, Besteiro cualificou de “positivo” o Acordo do Galego co que os socialistas romperon o veto do PP a impartir nesta lingua as materias científicas, ademais do reparto do 50 por cento real de tódalas asignaturas con dobre control. Explicou que “non é o plan ideal do PSdeG”, que defende que o galego se imparta “a partir do 50 por cento” de tódalas materias, pero “é mellor do que había e nos permite avanzar”.

O líder dos socialistas galegos puntualizou que “liberamos un veto e non vamos consentir que se traslade a outro tipo de vetos”, e rexeitou “interpretacións torticeiras”, xa que o acordo asinado non fala de bloques. Explicou que marca a lingua das materias en galego e castelán e deixa as outras a decisión dos centros dentro do horario establecido, polo que levantar o veto ás matemáticas non implica deixar de impartir ciencias sociais en galego.

En resposta ás críticas do BNG, lembroulles os “bloqueos institucionais” e a súa “pinza” co PP para limitar o control dos socialistas galegos ao presidente da Xunta no Parlamento, impedindo formularlle unha pregunta a Rueda por cada período de sesións. A mesma pinza, sinalou, deixa ao PSdeG sen capacidade de fiscalización no Consello de Administración da radio e a televisión públicas galegas porque levan un ano “impedindo que cubramos a vacante que nos corresponde”.

Advertiu que a Valedora do Pobo permanece “bloqueada” pola incapacidade de nomear ao adxunto á Valedora malia que “descoñecemos cales son os pactos que pecharon o PP e o BNG para repartirse os cargos” e, lembrou, “o que non é especulación é o voto do BNG a favor da Valedora que hai cinco anos non apoiaran”.

Dependencia

Besteiro reclamoulle ao goberno galego que explique o que vai facer cos 270 millóns de euros adicionais que chegan do Estado para a Dependencia, tal e como sinalou onte a Secretaria de Estado de Servizos Sociais. Apuntou que estas partidas “teñen que notarse nas listas de espera” da Dependencia, nas horas do Servizo de Axuda no Fogar que xestionan os concellos e no incremento das prazas para atención aos dependentes.

Noticias relacionadas