O deputado socialista denunciou na Comisión 2ª so Parlamento que a partida orzamentaria pasou de 197 a 92 millóns e que o programa pechou o primeiro trimestre sen gastar un euro.
Reprochoulle ao secretario xeral de Vivenda que respondese con datos do IGVS: «Eu non pregunto polo IGVS, pregunto polo programa de acceso á vivenda»
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026. O deputado do PSdeG Aitor Bouza esixiulle hoxe á Xunta que explique onde foron os máis de 100 millóns de euros que desapareceron do programa 451B, «Acceso á vivenda», entre o crédito inicial e o crédito vixente deste ano. Conforme os documentos de execución orzamentaria do propio Goberno galego, a partida arrancou 2026 con 197 millóns e quedou en 92. «Estamos a falar de máis de 100 millóns retirados do programa de acceso á vivenda», advertiu na Comisión 2ª.
A iso súmase que o programa rematou o primeiro trimestre sen gastar nin un euro, coas obrigas recoñecidas a cero. «Cando a execución é cero, é que fixeron cero», resumiu Bouza, que preguntou que se fixo nese trimestre e canta política de vivenda se puido ter posto en marcha con eses cartos.
A manobra non é nova, pero si o momento no que se fixo. En 2024 e en 2025 a Xunta agardaba ao terceiro trimestre para recortar a partida, «para que despois a execución parecese máis alta». Aínda así, o ano pasado quedou no 50 % do crédito que deixou en pé, o que na práctica supón arredor dun 25 % do que anunciara. Este ano o recorte chegou moito antes.
A resposta do Goberno galego, en boca do secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, centrouse nos datos do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Bouza rexeitouna: «Eu non pregunto polo IGVS. Pregunto polo programa de acceso á vivenda». E lembroulle que hai máis dun libro de execución orzamentaria, o dos organismos autónomos e o do programa consolidado, que é o que recolle as obrigas recoñecidas de toda a Xunta. «Se os datos son falsos, son os que dá o conselleiro de Facenda».
O deputado tamén lle afeou ao Executivo de Alfonso Rueda presumir duns orzamentos «históricos» contando os fondos que achega o Estado para despois botarlle a culpa a ese mesmo diñeiro. «Se queren facer oposición ao Ministerio, xa saben onde é: no Congreso. Aquí veñen responder da súa propia execución».
O 451B non é o único. No mesmo trimestre, o programa de rehabilitación quedou nun 1% de execución.
Bouza tivo tamén críticas para a forma na que a Xunta facilita estas contas: en papel, en libros que hai que fotocopiar, mentres o Ministerio publica os seus datos en formato dixital e reutilizable. «Dentro de pouco tráennos a execución orzamentaria en pedra tallada».
O socialista pechou a súa intervención avisando de que dentro dun mes o Goberno galego volverá presentarse no Parlamento cuns orzamentos «históricos» en vivenda. «Cada vez hai máis demandantes de vivenda e menos respostas. Máis titulares e menos orzamento executado».
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE
