Aitor Bouza Fragas do Eume PARLAMENTO DE GALICIA 18 de septiembre de 2026

Bouza esíxelle ao PP que deixe de «insultar» aos propietarios das Fragas do Eume e comece a escoitalos

Aitor Bouza acusa ao goberno galego de levar adiante o Plan de Xestión do parque sen incorporar ningunha das aportacións dos propietarios

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026. O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Aitor Bouza, acusou ao PP e ao goberno galego de “insultar” aos propietarios e propietarias das Fragas do Eume ao levar adiante do Plan Reitor de Usos e Xestión -PRUX- sen escoitalos e sen incorporar ningunha das súas aportacións.

Bouza presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento reclamándolle ao goberno galego que atenda ás peticións dos propietarios diante do risco de intervención da UE, para que “non teña que vir Europa a reprendelos pola falta de diálogo e de solucións” atendendo á denuncia presentada polos titulares. Criticou que o PP rexeitara a proposta, constatando un “ataque frontal “aos dereitos destas persoas.

O responsable socialista ironizou coa intención do PP de “facer nas Fragas do Eume un viñedo no que contratar inmigrantes ilegais”, en alusión á sanción á familia do conselleiro de Emprego por ter contratado inmigrantes en situación irregular nos seus viñedos.

Criticou que o goberno galego “non está a facer ben as cousas” ao aprobar o dito PRUX sen atender aos afectados, o que “constata un incumprimento evidente da normativa europea e tamén un incumprimento da propia palabra dada pola conselleira de Medio Ambiente, que se comprometeu a escoitalos e a recibilos”.

Bouza deu voz aos propietarios, que hoxe acudiron ao Parlamento a seguir o debate, lendo unha carta na que reclamaban que a protección das Fragas sexa compatible cos dereitos e a vida dos seus habitantes, e lamentando a “sensación de abandono” por parte do goberno galego. O parlamentario socialista esixiu “que se lles escoite, que se poñan enriba da mesa medidas reais e efectivas e non mera propaganda”.

Noticias relacionadas