Carlos López Font PARLAMENTO DE GALICIA Transporte 22 de septiembre de 2026

Carlos López Font denuncia o «fracaso» do mapa concesional de transporte da Xunta, que deixa «tirados» a milleiros de galegos e galegas cada día

Reclámalle ao goberno galego que explique se vai aplicar en Galicia o bono único de transporte posto en marcha polo Estado dende o 1 de setembro

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026. O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Carlos López Font, advertiu hoxe que a falla de xestión e de planificación do goberno galego en materia de transporte supuxo o “fracaso” do mapa concesional, deixando “tirados” cada día a milleiros de usuarios do transporte por estrada. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Presidencia no Pleno do Parlamento para dar conta da situación do transporte en Galicia.

O responsable socialista criticou a “alta dose de autocompracencia” amosada polo conselleiro na comparecencia de hoxe, na que se centrou nas “críticas aos demais”, sinaladamente ao goberno central e os concellos, mentres evitan dar contas da súa competencia en materia de transporte.

Esixiu “solucións e sobre todo planificación” para darlle respostas “ao usuario que non pode subir ao autobús e ao que lle esnaquizaron o día por non chegar a clase, a traballar, á cita médica ou á visita ao seu familiar”. Esixiulle que comecen a exercer a súa “responsabilidade e control sobre as empresas concesionarias” para atender aos “centos de problemas diarios denunciados” en toda Galicia.

López Font fixo unha radiografía das eivas do transporte público de viaxeiros por estrada nas catro provincias galegas que, dixo, repiten os mesmos problemas estruturais en tódalas comarcas galegas, con “atrasos, longas esperas, buses completos que deixan tirada á xente nas paradas, usuarios de p e falta de reforzos efectivos”. A situación mesmo chegou a provocar a rescisión dos contratos, pero “continúan as mesmas empresas ofrecendo o mal servizo”.

Alertou que a situación ten “especial incidencia” no transporte escolar, onde o inicio de curso “foi un desastre”, con rapaces e rapazas colgados nas paradas, cambio de adxudicataria o día antes do inicio do curso en Redondela, 59 prazas para 79 alumnos en Vilagarcía e un “bo número de incidencias en toda Galicia”.

Bono único

López Font acusou ao conselleiro de empregar a comparecencia para atacar ao goberno central sen atender ás súas propias competencias en transporte na estratexia de “desviar a atención á competencia de outros” seguindo “o seu guión de sempre”. Lembrou que no canto de centrarse na crítica, o goberno galego debe explicar se se vai adherir ao bono único aprobado polo goberno de España o pasado 1 de setembro.

Esta medida suporía “melloras innegables para os usuarios”, que se verían beneficiados da intermodalidade entre o tren e o autobús, mentres o goberno galego leva 21 días sen explicar o que vai facer mentres presenta alegacións para “xogar co tempo”.

Noticias relacionadas