Carmen Rodríguez Dacosta PARLAMENTO DE GALICIA política forestal 11 de septiembre de 2026

Dacossta considera «imperdoable» que a Xunta tivera que retirar 2.600 dos 2.800 autorrescatadores adquiridos para extinción de incendios

denuncia graves carencias nos equipamentos que obrigaron aos brigadistas a traballar en condicións de grave risco e sen o equipo imprescindible

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, cualificou hoxe de “imperdoable” que a Xunta tivera que retirar 2.639 rescatadores dos 2.820 que adquiriron este ano para as brigadas antiincendios, como vén de confirmar o director xeral de Defensa do Monte na Comisión de Agricultura do Parlamento. Dacosta presentou unha pregunta oral diante das “graves carencias” nos equipamentos destes traballadores.

Dacosta alertou de que os brigadistas aínda recibiron hai poucos días os rescatadores de recambio, que chegan “tarde e mal”, polo que tiveron que traballar toda a temporada de incendios en condicións de grave risco e sen o equipo imprescindible, ademais de que continúan sen as mochilas adaptadas para transportar o equipo completo. Esta situación lles obriga a levar os autorrescatadores no cinto, que xa está sobrecargado, polo que “algúns están comprando a súa propia mochila”.

Advertiu que “non pode trasladarse ao traballador a responsabilidade de buscar pola súa conta como transportar o equipamento que a propia Administración lle esixe levar”, e que ademais ten chegado con problemas no selado dos envoltorios, obrigando á súa retirada. Criticou a “falta de axilidade na distribución e reposición do material, e advertiu que “a seguridade non pode quedar esperando por un procedemento administrativo”.

Sinalou que “a seguridade dos que se poñen diante do lume non pode chegar tarde nin defectuosa”, e sinalou que “poden anunciar helicópteros, avións e drons, pero non substitúen unhas botas, roupa ignífuga ou un autorrescatador que funcione cando un brigadista queda atrapado polo lume”.

Dacosta censurou que o goberno galego repita un ano máis os problemas cos autorrescatadores, e teña entregado “equipos con problemas, devolucións, substitucións e traballadores que denuncian carencias na entrega e a reposición dos seus equipos de protección individual -EPI-”.

Emisoristas

Ademais, Dacosta reclamoulle ao goberno galego que atenda ás demandas para mellorar as condicións dos vixilantes e emisoristas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais -SPIF-, que “desenvolven multitude de funcións, que van moito máis alá de recibir e transmitir comunicacións”. Eles son os que reciben, tratan, rexistran e actualizan información operativa en tempo real e xestionan a comunicación entre os distintos niveis do sistema.

Sinalou que estes profesionais enfróntanse a situacións de “enorme presión, nas que a información ten que ser inmediata e precisa, porque un erro ou un atraso pode afectar directamente á seguridade do operativo”.

Noticias relacionadas