Carmen R. Dacosta considera “o colmo” que anuncien novos medios iniciado setembro pero lles estean a negar aos traballadores “a comida e a auga”
Santiago de Compostela, 06 de setembro de 2026. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, cualificou hoxe de “insulto” que a Xunta estea a darlles “apenas un mendrugo de pan e unhas poucas lonchas de chourizo” aos brigadistas galegos que afrontan xornadas de 10 horas ininterrompidas de traballo loitando contra o lume. Dacosta presentou unha batería de iniciativas no Parlamento para esixir “alimentación e hidratación suficiente, equilibrada, segura e adaptada” para estes traballadores.
A parlamentaria socialista denuncia que o goberno galego arrastra as carencias e a desatención ao equipamento dos brigadistas dende os lumes do verán pasado, cando quedaron en evidencia “numerosas deficiencias na organización e o funcionamento do operativo”. Un ano despois, dixo, as deficiencias no avituallamiento “continúan sen estar resoltas”, o que demostra o “desleixo na organización, reparto e calidade do avituallamento durante a época de alto risco”.
Sinala que “un anaco de pan e unhas poucas lonchas de chourizo evidencian a insuficiencia da alimentación proporcionada para persoas que realizan durante horas un traballo dunha enorme esixencia física e en condicións especialmente adversas”. Considera que é “o colmo” que continúen “negándolles a comida e a auga” aos brigadistas mentres o goberno galego anuncia novos medios de extinción “iniciado o mes de setembro”.
Dacosta esixe “condicións de alimentación e hidratación dignas” durante a extinción dos incendios forestais, atendendo á reclamación dos traballadores e traballadoras, que piden “media dieta, que cifran arredor dos 17 euros por día efectivo de traballo, para garantir unha alimentación adecuada durante estas xornadas prolongadas”.
Lembrou que o goberno galego ten a responsabilidade de garantir “a subministración de auga, bebidas adecuadas para a reposición de líquidos cando resulte necesario e alimentos en cantidade e calidade axeitadas, especialmente durante episodios de altas temperaturas e xornadas prolongadas de extinción”.
