O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista amosa o seu “convencemento de que acabaremos tendo ambulancia todo o ano”, pero sinala que “sería vergoñento que agardaran a anuncialo antes das eleccións municipais”
Acusa ao conselleiro de “enfrontar aos concellos” e defende ambulancia para o eixo Sanxenxo-O Grove, “pero non a costa dos recursos do Salnés”
Santiago de Compostela, 09 de setembro de 2026. O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, emprazou hoxe ao goberno do PP a ser “a solución e non o problema” para que O Salnés poida ter ambulancia medicalizada todo o ano. Torrado presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que trasladou o seu “convencemento” de que “acabaremos tendo ambulancia todo o ano”, pero advertiulle ao conselleiro de Sanidade que “sería vergoñento que agardaran a anuncialo antes das eleccións municipais”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de “confrontar aos concellos” cando Sanxenxo “merece ambulancia medicalizada no verán”, pero non a costa de que a perda o Hospital do Salnés. Lembrou que o incremento de poboación na comarca no verán a converte na terceira poboación de Galicia, malia o que o goberno galego decide detraer este recurso sanitario fundamental.
Torrado puxo en cuestión os “supostos criterios técnicos” que defendeu o conselleiro de Sanidade cando, lembrou, comunicaron que o Salnés perdería o servizo ao día seguinte ás eleccións de 2020, e a portavoz do PP no concello ten anunciado que se gobernara este partido “habería ambulancia medicalizada”.
