A viceportavoz socialista denuncia o uso partidista das institucións por parte do PP como fai coa FEMP, o Parlamento de Galicia ou o Senado: “Cada vez que hai unha desgraza, sexa da índole que sexa, os populares renuncian a arrimar o ombreiro e van buscar rédito político”
Lara Méndez dou conta dos temas que o Grupo Parlamentario Socialista levará ao pleno do 8 e 9 de setembro co que se reinicia o curso político e anunciou que Besteiro interpelará a Rueda sobre as medidas para combater as emerxencias que padece Galicia”
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026. O Grupo Socialista non vai secundar as concentracións que a presidenta da FEMP convocou para mañá diante dos concellos de toda España. A viceportavoz socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, explicou hoxe o motivo: “O Partido Socialista non está aquí para facerlle os coros ao Partido Popular”.
A cuestión, dixo, non é Ceuta. “Non se trata de apoiar ou non apoiar Ceuta, de defendela ou non defendela. Trátase de buscar a confrontación política utilizando unha situación de extrema gravidade”. E puxo o acento no que considera máis grave: “O que é triste, o que é inaudito e o que é inadmisible é que un cargo público se frote as mans cando hai unha desgraza. Isto é o que está a facer o Partido Popular”.
O patrón, na súa opinión, repítese. Cada vez que hai unha desgraza, sexa da índole que sexa, os populares renuncian a arrimar o ombreiro e van buscar rédito político. “Impórtalle pouco a situación que se está a vivir agora mesmo en Ceuta e impórtanlle pouco esas persoas vulnerables ás que hai que darlles unha solución”, engadiu. Falta altura de Estado, resumiu, e sobra confrontación permanente.
Sobre a resposta do Executivo central, Méndez lembrou que se trata dunha crise sen precedentes recentes, cun volume de persoas que obriga a un operativo enorme e á coordinación de varios ministerios. “O Goberno de España leva traballando desde o minuto cero e está atendendo tamén a Cidade Autónoma”. O problema, apuntou, está noutro lado: nos gobernos autonómicos, deputacións e concellos do PP que responden coa negativa cando se trata de repartir e acoller.
«Utilizan as institucións para confrontar»
O segundo fío da súa intervención foi precisamente ese, o uso das institucións por parte dos populares: “A FEMP foi sempre foi un organismo imparcial, dedicado a buscar aquilo que une a alcaldes e alcaldesas de calquera cor política, e a súa presidenta convocou estas concentracións de xeito unilateral”.
Non é un caso illado. “Estamos vendo como as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular utilizan os parlamentos para confrontar co Goberno de España”, sinalou, antes de engadir que Feijóo converteu o Senado nun instrumento para fustrigar o Executivo central, en vez de nun lugar onde buscar solución aos problemas territoriais do Estado.
Preguntada por se este novo curso político vai ser outro escenario de campaña, con municipais á vista foi taxante: “Non sería nada novo, e dáo por descontado. Veremos como utilizan de novo o Parlamento de Galicia para confrontar con Pedro Sánchez”, advertiu, “non para contrapoñer argumentos e posicións distintas, que son lexítimas, e intentar chegar a acordos na procura da mellora da calidade de vida dos galegos e das galegas”.
Os asuntos do vindeiro pleno
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, preguntaralle ao presidente da Xunta se está a planificar axeitadamente e a facer todo o necesario para dispoñer de recursos suficientes na loita contra as emerxencias que se están a dar en Galicia nos últimos tempos. Aínda que os socialistas xa están afeitos á visión triunfalista e fóra da realidade de Rueda, as dúas proposicións non de lei que defenderán retratan unha situación que dista moito dese panorama idílico.
Nunha delas, o grupo demandará que o Goberno galego cumpra dunha vez os seus compromisos e os seus deberes respecto dos incendios forestais, por exemplo, xestionando a biomasa nas faixas secundarias dos concellos de menos de 10.000 habitantes, e que informe da situación na que se atopan.
Porque, segundo sinalou Méndez, a última información dispoñible é que ao inicio da tempada de alto risco estaban sen limpar 206 das 276 parroquias que a propia Xunta identificou como prioritarias. Nada menos que preto do 75 % do traballo estaba sen facer. Desde entón, nin unha soa información.
Os e as socialistas defenderán, a través doutra iniciativa, un programa de «relocalización integral» no rural que sume vivenda, incentivos ao emprego local, mellora das comunicacións e desenvolvemento da banda ancha, ademais de reclamarlle á Xunta unha coordinación cos fondos estatais e europeos.
A moción insistirá nalgo que xa se reclamou ao final do pasado curso escolar: que o Goberno galego planifique, que se adiante ás necesidades dos centros educativos e dea cobertura ás prazas de docentes que se precisan. Esixirán que o curso comece con todos os recursos humanos e materiais, que se actualice o catálogo de postos de traballo, que se incremente o apoio educativo na educación secundaria e que se reforcen os servizos de orientación.
Problemas medioambientais, problemas demográficos, problemas no ensino e, non podía faltar, problemas permanentes na sanidade. De cara a esta sesión, o grupo pediralle explicacións ao Goberno do PP por un caso que serve de exemplo de desorganización e desmantelamento do servizo público máis esencial. O Hospital do Salnés vén de pasar o verán sen ambulancia, porque o PP se empeñou, outro ano máis, en quitarlla para levala a Sanxenxo, co pretexto da masiva afluencia de turistas. Ninguén nega a necesidade de dispoñer dun vehículo sanitario nesa zona. O inconcibible é que se lle roube a unha comarca que a precisa exactamente igual.
Ou é que para o PP hai cidadáns de primeira e de segunda? Hai tamén turistas de primeira e de segunda? Ou trátase xa da cor política dos gobernos municipais?
Todos estes problemas, sinalou a deputada, reprodúcense mentres o PP se nega a que Galicia poida reducir a súa débeda en nada menos que 4.010 millóns de euros. A Xunta escatima en docentes e en ambulancias ao mesmo tempo que rexeita recursos que podería destinar á mellora dos servizos públicos. Nese sentido vai a interpelación ao Goberno galego, a través da que os socialistas volverán inquirir se vai defender os intereses de Galicia ou vai seguir mantendo a negativa a aceptar a condonación da débeda e a negociar o marco de financiamento autonómico, obedecendo aos intereses de Génova en vez dos dos galegos e das galegas.
Formularase tamén unha pregunta de carácter urxente sobre unha situación “que se podería cualificar de case medieval”. Hai xa máis de dous meses que se detectaron os primeiros casos de sarna na residencia de Monforte de Lemos e o gromo segue sen control. Ademáis, Méndez trasladou o apoio e o agarimo do grupo aos residentes e aos traballadores do centro polo incendio ocorrido esta mañá, e desexoulles unha pronta recuperación ás persoas afectadas.
Por último, o Grupo Socialista preguntará polo calendario que manexa a Xunta para renovar o acordo do Consello da Avogacía Galega e da Procuraduría respecto da compensación económica aos profesionais pola asistencia xurídica gratuíta.
