Silvia Longueira denuncia que os informativos da TVG “despachan” a información cunha liña no matinal oito días despois “coma se fora un boletín oficial”
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026. A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CSAG – antiga CRTVG-, Silvia Longueira, acusou hoxe á dirección do ente de silenciar a información sobre a sanción á empresa da familia do conselleiro de Emprego por contratar de forma irregular a dous traballadores inmigrantes en situación irregular. Longueira presentou unha pregunta na que sinalou que a única información sobre o asunto foi “unha liña a modo de boletín oficial” no informativo matinal oito días despois.
Longueira afeoulle á directora xeral da CSAG que a televisión pública galega faga pasar “absolutamente desapercibido” o caso da familia do conselleiro do que chegou a manifestarse o presidente da Xunta, pero que eles tratan “coma se foran os editores dun diario oficial”. Afeoulles que omitiran o contraste de versións ou a información sobre a actuación da Inspección de Traballo, chegando a silenciar “a voz da oposición”.
A parlamentaria socialista lembrou as protestas de Defende a Galega denunciando a manipulación política dos servizos informativos, como quedou demostrado neste caso. Puntualizou que “cando a televisión pública informa dun conflito laboral dunha empresa descoñecida está ben, pero se afecta á empresa da familia dun membro do goberno, a información desaparece, se minimiza ou queda relegada”.
