financiamento autonómico Patricia Iglesias 22 de septiembre de 2026

O Grupo Socialista acusa a Rueda de «alimentar o ruído que lle pide Feijoo» en vez de negociar un financiamento xusto para Galicia

A deputada Patricia Iglesias reclamoulle ao Goberno galego que sosteña unha posición propia para a comunidade autónoma, acepte a quitación da débeda, asuma unha maior responsabilidade fiscal e defenda unha revisión dos criterios de poboación axustada e un maior peso do fondo de compensación interterritorial

A deputada do PSdeG Patricia Iglesias reclamou hoxe no Parlamento galego unha política “fóra da confrontación partidista do PP e fóra dos dogmas do BNG” para acadar para Galicia un financiamento xusto. Iglesias sinalou como punto de partida o incremento de 587 millóns de euros que contempla a proposta do Goberno central e criticou que o conselleiro de Facenda actúe como “asesor fiscal de Génova 13” ao negarse a negociar sobre esa base.

A parlamentaria socialista afirmou que, logo da oposición do PP a novo modelo de financiamento na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado 4 de setembro, “péchase unha etapa” e agora toca “defender a Galicia”. Denunciou que naquel encontro se puxo sobre a mesa un sistema “que contempla case 21.000 millóns de euros máis para as comunidades de réxime común, no que ningunha perde recursos e no que as máis beneficiadas son do PP”.

Asegurou tamén que a proposta inicial de 587 millóns de euros anuais máis para Galicia non significa que sexan suficientes, senón “un punto de partida para negociar e mellorar”.  De feito, apuntou que Galicia “pode aspirar aos 900 ou 1.000 millóns adicionais anuais”. Por iso, a comunidade “necesita una posición propia” que Iglesias botou en falta. “Que cifra reclama Galicia?”, preguntou antes de advertir que un Goberno responsable “ten que dicir que modelo quere”.

“No PSdeG defendemos un financiamento singular, suficiente e solidario. Non defendemos o cupo. Non defendemos un concerto económico. Defendemos unha Galicia dentro do sistema común, pero cun financiamento que recoñeza as súas singularidades”, explicou. Mais insistiu en que “primeiro hai que ter unha proposta galega con cifras, e segundo, negociar para mellorala, e unha das vías que hai que explorar é a nivelación e o Fondo de Compensación Interterritorial”.

De feito, “o problema non é dicir non; o problema é non negociar”, remarcou para poñer como exemplo a postura de Canarias, “cunha conselleira de Facenda do PP”, que conseguiu mellorar a proposta inicial “obtendo recursos adicionais que atenderan as súas singularidades insulares”. “Negociar serve para intentar conseguir máis”, subliñou.

Patricia Iglesias uniu a cuestión do sistema de financiamento á quitación da débeda, que cualificou de “quilómetro cero” da cuestión. “Aceptar esa quita mellora a solvencia financeira de Galicia”, asegurou.

Tamén se referiu a unha “terceira cuestión”. “Galicia practica un autogoberno fiscal irresponsable, porque cada ano fai máis agasallos fiscais aos que máis renda e patrimonio acumulan”, censurou. O que reclamou foi a recadación de ingresos “suficientes para financiar os servizos públicos da maioría social, non do 4,2 % dos galegos e galegas”. Demandou “máis e mellor sanidade, educación e servizos sociais públicos” nunha comunidade na que, segundo os últimos datos do INE, os prezos aumentaron un 4,8 %, e os combustibles e a vivenda un 11 %, “a segunda comunidade onde máis subiu a carestía da vida”.

Fronte a este estado de cousas, Iglesias defendeu “facer útil a comisión de estudo do financiamento, reactivada neste Parlamento grazas ao PSdeG”, co fin de “poñer cifras, determinar que necesita Galicia, acordar que criterios se queren modificar, definir que papel debe ter o Fondo de Compensación Interterritorial e construír unha posición que poida ser defendida tamén no Congreso, porque a cuestión é que Galicia non pode quedar sen voz propia neste debate”.

Noticias relacionadas