función pública PARLAMENTO DE GALICIA Patricia Iglesias 10 de septiembre de 2026

O Grupo Socialista acusa á Xunta de «abandonar» aos empregados públicos e de provocar o «caos» na función pública

Patricia Iglesias reclama “planificación, estabilidade, carreira profesional, mobilidade, negociación e respecto” para os empregados públicos

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026. A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou hoxe á Xunta de “abandonar” aos empregados públicos provocando o “caos” na xestión da función pública. Iglesias interveu na comparecencia da directora xeral de Emprego Público no Parlamento, á que lle esixiu “planificación, estabilidade, carreira profesional, mobilidade, negociación e respecto” para estes traballadores e traballadoras.

Advertiu que “non se pode gobernar unha Administración de costas ao seu persoal e da negociación colectiva”, logo de anos sementando o “caos” pola falta de planificación na xestión do goberno galego. Iglesias acusou ao goberno galego da acumulación de concursos, ademais da coincidencia dos concursos de traslados, procesos selectivos, estabilizacións e promoción interna, ademais do “abuso” das comisións de servizos favorecendo á rede de favoritismos..

Responsabilizounos ademais da “inseguridade xurídica” que están a provocar en milleiros de empregados e empregadas públicos polo seu empeño en gobernar de costas ao persoal, sen atender ás súas condicións, que provocou a condena do TSXG deste pasado mes de xullo polo “abuso e concatenación fraudulenta de contratos temporais”.

Advertiu que o goberno galego ten unha axenda pendente na mellora das condicións das e dos empregados públicos, e reclamou a convocatoria dun concurso aberto e permanente de inmediato, a posta en marcha dunha promoción interna “periódica e previsible”. Tamén reclamou carreira profesional ordinaria e recuperar a negociación colectiva porque, dixo, “as persoas empregadas públicas non poden seguir sendo a última prioridade da Xunta”.

Noticias relacionadas