Patricia Iglesias acusa a Corgos de presentarse no CPFF “coa axenda ultra do PP” pechando a porta a novas melloras de nivelación do Fondo de Compensación Interterritorial
Santiago de Compostela, 09 de setembro de 2026. A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reivindicou hoxe un “sistema de financiamento singular, suficiente e solidario” que poña a Galicia “na cabeza e no corazón”. Iglesias presentou unha Interpelación ao conselleiro de Facenda, ao que criticou por presentarse no Consello de Política Fiscal e Financeira “coa axenda ultra do PP” e pechando a porta a negociar a proposta inicial do goberno, que partía de 587 millóns para Galicia, que podería, dixo, ter chegado ata roldar os 1.000 millóns.
A responsable socialista lamentou que o empecinamento do PP e do conselleiro de Facenda de presentarse en Madrid seguindo a “consigna de partido” de rexeitar calquera proposta do goberno resultou lesiva para Galicia. Afeoulle que nin sequera puxeran sobre a mesa unha proposta alternativa, negándose a negociar os criterios de dispersión, avellentamento, poboación axustada e, sobre todo, a marxe de mellora da nivelación do Fondo de Compensación Interterritorial.
Explicou que a proposta aprobada no CPFF do pasado 4 de setembro “reforza a nivelación e incorpora un novo mecanismo para as comunidades autónomas que se sitúen por debaixo da media de recursos por habitante axustado”, ademais de que contempla a reformulación do FCI para reforzar a converxencia e a cohesión territorial.
Coa postura “de confrontación” do goberno galego, sinalou, “non conseguiron nada, nin máis financiamento, nin mellorar os criterios de poboación, nin o FCI nin unha cifra alternativa”, cometendo “o maior erro político da súa etapa como conselleiro de Facenda”, amplamente lesivo para os intereses de Galicia. Contrastou a súa postura coa da responsable de Facenda de Canarias, tamén do PP, que si negociou e conseguiu 1.337 millóns de euros adicionais.
Afeoulle que co seu empecinamento “borraron a Galicia do mapa”, cando o goberno melloraba de entrada os 500 millóns que cifraban hai case un ano tanto o conselleiro como o presidente da Xunta. Por iso sorprende, dixo, que rexeitaran frontalmente os 587 millóns que puxo o Estado sobre a mesa como cifra inicial, que “sempre dixemos que eran un punto de partida, pero para iso había que ter unha proposta galega e a continuación debían negociar para mellorar”.
Acusou ao goberno galego de “escoller ao partido antes que a Galicia” tamén cando rexeitaron a quita de 4.000 millóns de euros da débeda que ofreceu o Estado simplemente por seguir a axenda do enfrontamento que marca Feijóo.
