Carmen Rodríguez Dacosta Medio Rural PARLAMENTO DE GALICIA 11 de septiembre de 2026

O Grupo Socialista critica a «falta de planificación, programación e execución» da oferta formativa de Medio Rural

Carmen R. Dacosta esixe unha formación “adecuada ás necesidades reais do medio rural” fronte a unha Consellería que prioriza “cursos de arte floral”

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe a “falta de planificación, programación e execución” da oferta formativa da Consellería de Medio Rural. Así o dixo na comparecencia do director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria -Agacal- no Parlamento para dar conta da oferta de formación agraria para o próximo ano.

A responsable socialista reclamou unha formación “adecuada ás necesidades reais” do medio rural galego, mentres a Consellería do Medio Rural prefire impulsar “cursos de arte floral”. Chamou a impulsar unha oferta formativa que parta dunha avaliación previa por parte do goberno galego, que neste momento, lamentou, “carece dunha análise clara do retorno, da demanda e da prioridade de cada acción formativa”.

Sinalou que “dende o Agacal deberían programar, coordinar e facer o seguimento dos cursos de formación agraria”, porque sen unha avaliación clara dos resultados “resulta difícil valorar cal é realmente a dimensión da oferta formativa e a súa evolución con respecto aos anos anteriores”. Subliñou que “limitarse a anunciar accións formativas, horas, prazas e orzamento sen coñecer o que aconteceu coa programación anterior non é nin o máis adecuado nin o máis produtivo”.

Dacosta instou ao responsable da Consellería a aproveitar as instalacións, os recursos humanos e a capacidade dos centros dos que dispón para dar resposta ás necesidades do sector agrario, cunha programación formativa “realmente orientada ás necesidades estratéxicas do sector”. Reclamou un esforzo adicoinal na incorporación de novos profesionais ao medio, o relevo xeracional e a creación de man de obra cualificada, así como a modernización das explotacións.

En definitiva, defendeu unha oferta formativa adecuada ás prioridades do medio rural, para impulsar os cursos que estean directamente relacionados coa actividade agraria e coa xeración de actividade económica no medio rural.

Noticias relacionadas