- A deputada Monsterrat García reivindicou “unha transformación profunda” da liña que permita conectar a cidade en igualdade de condicións: “Non abondan pequenos remendos”
- Salientou actuacións coma o bypass de Betanzos ou a conexión con Caneliñas como parte dunha estratexia que inclúe porto, mercadorías e mobilidade
- “En todos os anos de goberno do PP en España, e coincidindo con Feijoo na Xunta, xamais se deu un paso para mellorar a liña nin as necesidades de mobilidade de Ferrolterra”, recordou
“A nosa posición sempre foi clara: Ferrol merece unha conexión ferroviaria moderna e competitiva, equiparable á do resto de Galicia”. Neses termos defendeu hoxe a deputada do PSdeG Monserrat García a necesidade dunha “transformación profunda” da liña de tren que conecta a cidade naval coa Coruña. “Non abondan pequenos remendos”, engadiu.
García fixou esta mañá na Comisión de Transportes do Congreso a posición do Partido Socialista respecto dunha “reivindicación histórica de tres comarcas que durante anos esperaron investimentos”. Por iso, salientou que a situación hoxe “non é a mesma que hai anos”.
Así, afirmou que neste momento hai un Goberno en España “que volveu situar a liña Ferrol-A Coruña na axenda ferroviaria estatal e puxo en marcha actuacións concretas para mellorala”. Entre elas citou o bypass de Betanzos, un investimento de 21,6 millóns na rede interior do porto —“o que permite conectar en mellores condicións a rede convencional, a de ancho métrico e o sistema portuario”, dixo—, as actuacións de modernización na liña Ferrol-Ortigueira e a construción do acceso ferroviario á dársena exterior de Caneliñas.
“Ademais, o ministerio mantén en planificación actuacións de electrificación, renovación de vía e modernización da liña”, salientou para asegurar que, “por tanto, hai unha estratexia que conecta infraestrutura ferroviaria, porto, mercadorías e mobilidade”.
Montserrat García lamentou que desde o PP se intente sempre presentar o debate sobre o tren “coma unha confrontación permanente”, cando o certo é que “en todos os anos de goberno do PP en España, e coincidindo cos gobernos de Feijoo na Xunta, xamais se deu un só paso para mellorar nin atender as necesidades desta liña, nin as necesidades de mobilidade dos veciños de Ferrolterra, Eume e Ortegal”.
Afondando nesa idea, recordou que o propio Rajoy recoñecía en 2017 que a mellora do tendido ferroviario levaba anos parada, mentres o seu secretario de Estado explicaba que desde 2003 se sucederan numerosos problemas de tramitación para que, ao final, todo quedase nun caixón.
“O noso compromiso é claro: apoiar todas as actuacións que melloren o ferrocarril e seguir traballando para que Ferrol dispoña dunha conexión moderna, eficiente e digna do século XXI”, insistiu para defender que, nesa tarefa, os socialistas mantiveron sempre, “moito antes incluso de que o BNG estivera representado na Cámara”, unha posición firme, “a de traballar, avanzar, investir e modernizar para que Ferrol deixe de ser unha excepción”.
Debate sobre o ancho de vía en Galicia
Na mesma comisión, a deputada Patricia Otero reclamoulle ao PP que deixe “de esparexer mentiras” sobre o ancho de vía do ferrocarril en Galicia. Otero abriu a súa intervención recomendándolles aos populares que atendan ás súas competencias e falen cos usuarios do transporte público por estrada, para entender que a Xunta debe redimensionar as liñas e acabar así con incontables problemas que sofren.
A parlamentaria socialista censurou que o PP reclamase, a través dunha iniciativa, que o Goberno remitise á Xunta e ao Congreso o informe sobre a migración do ancho de vía que o Ministerio de Transportes enviou á UE o pasado xullo. “Ese estudo é público e está publicado na páxina web do ministerio. Se queren, ofrézome a fotocopialo entregárllelo, porque son moi vagos”, sentenciou Otero.
En canto ao contido, sinalou que “non son só causas económicas as que non fan recomendable” a migración da rede ferroviaria española ao estándar europeo, xa que esas obras “requirirían 30 anos, con todos os prexuízos que xerarían”, entre outros, con efectos nas comunicacións por estrada.
“Hai que poñer un pouco de cabeza e non ir a golpe de ocorrencia”, recomendoulles a deputada do PSdeG aos populares, aos que criticou por pretender darlle prioridade a ese ancho en Galicia cando o tráfico de mercadorías se move en ancho ibérico por gran parte do territorio español. “Que pretenden, desconectar a Galicia do tráfico de mercadorías?”, preguntou.
Otero cargou, por outra banda, contra a falacia de que os corredores con dous anchos diferentes non se poden abrir á competencia e contra a “hipocrisía” dos populares cando ser refiren ao corredor atlántico. “Rajoy e Ana Pastor deixaron a Galicia fóra, e foi Pedro Sánchez quen conseguiu incluíla”, subliñou.
