Patricia Iglesias leva ao Parlamento o informe do Consello de Contas que alerta de que o goberno galego asinou en catro anos 572 adxudicacións a dedo, 40 delas por riba do límite legal
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026. A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, denunciou hoxe que o goberno galego ten multiplicado por catro os contratos “a dedo” asinados cos grandes grupos da sanidade privada durante a etapa de Rueda como presidente. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para reclamar un Plan extraordinario de control e fiscalización dos contratos menores no Sergas, que o PP rexeitou.
Iglesias levou á Comisión Institucional do Parlamento o último informe do Consello de Contas, que ten detectado 572 adxudicacións a dedo con grandes grupos como Quirón, HM Hospitais, Rivera Salud, Vita, ou Recoletas, que supuxeron 9,75 millóns de euros nos últimos catro anos. Ademais, advertiu que 39 destas adxudicacións superan o importe mínimo legal para que poidan ser obxecto de contratos menores “e aquí non pasa nada”, lamentou.
A parlamentaria socialista puxo a alarma polo abuso das autorizacións de uso temporal, que é unha figura excepcional convertida en norma polos responsables da sanidade pública, que supuxeron 249,5 millóns de euros do Sergas, e que “non se poden utilizar para contratar deficiencias estruturais do sistema”.
Iglesias reclamou un Plan extraordinario de control da fiscalización da contratación menor do Sergas “para evitar fraccionamentos, garantir a publicidade, a concorrencia e a transparencia”, para frear unha práctica que prexudica calidade asistencial na sanidade pública para beneficiar ás grandes empresas.
