Silvia Longueira, ao PP: “Mentres sigan dicindo que a educación é un gasto, os colexios non van ter arranxo”
deputada socialista Silvia Longueira reclamoulle hoxe ao Goberno de Rueda que substitúa xa ao docente que falta no CEIP Mestre Pastor Barral, de Melide, desde o inicio do curso. Longueira lembrou que a comunidade escolar leva semanas elevando as protestas ante unha situación insostible.
En comisión parlamentaria, destacou tamén que no colexio están escolarizados 180 alumnos e alumnas e que se trata dun centro “con moi boas valoracións respecto á integración, cunha comunidade educativa implicada e con atención a nenas e nenos con diversidade funcional de xeito excepcional”.
Por iso, criticou aínda máis “o comportamento” da Consellería de Educación, que insiste en non dar cobertura á falla de profesores no centro, como en outros moitos CEIP e IES públicos.
No caso concreto do Mestre Pastor Barral, a falta dun profesor está a obrigar á dirección e aos outros tres docentes a facerse cargo do seu traballo, “o que implica que non poidan dar as horas de apoio que precisan os nenos e nenas”, salientou Longueira, que reclamou unha solución “antes de que esta situación se convirta en crónica”.
Con todo, lamentou que mentres o PP “siga dicindo que a educación é un gasto, os colexios non van ter arranxo”. Pola contra, defendeu a forza coa que a comunidade educativa de Melide está enfrontando a situación, cunha folga que pasa xa das dúas semanas.
