- Carmen Rodríguez Dacosta reclama Cardioloxía e Hospitalización a Domicilio a pleno rendemento con equipos “estables e suficientes” e recuperar Oftalmoloxía, Neuroloxía e a Unidade da Dor
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026. A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta esixiulle hoxe á Consellería de Sanidade que poña en marcha antes de final de ano un Plan de Recuperación dos servizos sanitarios do Hospital Público de Verín. Dacosta presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade do Parlamento para frear a perda paulatina de servizos neste centro sanitario dende a chegada do PP ao goberno, e criticou que o Grupo Popular votase en contra da iniciativa.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “pasen dos anuncios aos feitos” e garantan a recuperación plena do servizo de Cardioloxía “presencial e estable”, máis alá de que “un especialista pase un día polo Hospital”. Ademais, esixiu que o servizo de Hospitalización a Domicilio, que hoxe entra de novo en funcionamento, o faga cun “equipo estable e suficiente de persoal médico e de enfermaría”, ademais de recuperar a Unidade de Tratamento da Dor.
Dacosta lembrou ademais que os servizos de Neuroloxía e de Oftalmoloxía seguen tendo unha praza de médico especialista sen cubrir, provocando o deterioro do servizo ata o punto de que a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Verín – Monterrei denunciou esperas de ata catro anos para unha segunda consulta de Oftalmoloxía. Advertiu que o Hospital “non pode converterse progresivamente nun centro dende o que derivar pacientes ao CHUO.
Reclamou por iso un Plan de Recuperación dos servizos do Hospital “con dotación orzamentaria, calendario público de execución, compromisos concretos de recuperación de servizos e cobertura de persoal” coa participación dos profesionais da Plataforma. Sinalou que “quedan prazas sen cubrir, queda garantir adecuadamente os coidados paliativos, queda reducir as esperas, reforzar a Atención Primaria”.
