Aitor Bouza Educación PARLAMENTO DE GALICIA 8 de septiembre de 2026

O Grupo Socialista sinala que o «‘recortismo’ educativo» do PP provoca os malos resultados do ensino galego no último informe PISA

Aitor Bouza propón un Plan específico para a Educación inclusiva e advirte que “hai fondos, pero falta a vontade do PP”

Santiago de Compostela, 08 de setembro de 2026. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, sinalou hoxe ao “recortismo educativo” como responsable da caída de resultados do ensino galego no último informe PISA, coñecido hoxe. Bouza retrucoulle ao conselleiro de Educación, que hoxe comparecía no Pleno do Parlamento polo inicio do curso escolar para criticar o “socialismo educativo”, esquecendo, dixo o parlamentario socialista, que Galicia ten competencia exclusiva na materia.

Bouza afeoulle ao conselleiro que critique a LOMLOE, que tivo efectos plenos no curso 2023-24, cando os escolares que hoxe foron avaliados no informe PISA foron escolarizados en 2015 coa Lei do PP. Ademais, lembrou que hai dez anos -e por última vez este pasado mes de marzo- o conselleiro esgrimía o mesmo informe para avalar o “modelo educativo galego”, e criticou que para o goberno galego do PP “cando vai ben é grazas á Xunta, pero cando vai mal é por Pedro Sánchez”.

O parlamentario socialista recomendoulle ao PP que “mellore a comprensión lectora” para recoñecer que Galicia cae máis que o resto de España en Matemáticas -20 puntos fronte a 16-, en lectura -31 fronte a 23- e en Ciencias -20 puntos por 8 que baixa a media do Estado-.

Esixiulle ao conselleiro que explique “que medidas vai tomar para corrixir estes datos lamentables”, que corresponden ao “modelo do PP integramente”, e advertiu que “cando fas recortes educativos o que pasa é isto”. Reclamou unha diagnose da situación real da educación pública en Galicia, ademais de medidas inmediatas para corrixir os déficits detectados polo informe PISA.

Bouza criticou ademais o “elitismo educativo” do PP para afearlle ao presidente da Xunta que teña escollido precisamente un centro privado para iniciar o curso escolar, malia que “tiña 800 centros públicos para escoller”, nunha declaración de intencións.

Plan de choque

O responsable socialista propuxo un Plan de choque específico para que a educación inclusiva “sexa efectiva”, seguindo o acordo do último Debate do Estado de Investidura, e advertiu que “hai fondos, pero falla a vontade do PP”. Bouza recuperou a proposta que presentou onte Besteiro para investir 50 millóns de euros na educación galega, que permitiría contratar 650 profesionais novos nas aulas e acometer as obras urxentes nos centros galegos.

Esta medida permitiría destinar 35 millóns de euros para contratar 300 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, 150 en Audición e Linguaxe e outros 200 orientadores e orientadoras con praza estrutural e a xornada completa, ademais de 15 millóns adicionais para poñer en marcha un Plan urxente de infrasestruturas.

Noticias relacionadas