A deputada socialista Patricia Iglesias defendeu a necesidade dun plan de choque “con medidas que se executen e non queden en anuncios”
A deputada do PSdeG Patricia Iglesias defendeu hoxe en comisión parlamentaria a necesidade de que o Goberno de Rueda despregue un plan de choque co fin de paliar a carestía da vida. Demandou “medidas que se executen e non queden en anuncios” e que se destinen a “protexer ás familias, apoiar ao sector primario e axudar aos autónomos e pemes”.
Iglesias sinalou que Galicia leva xa medio ano padecendo unha inflación superior á media española sen que a Xunta adoite as necesarias medidas urxentes para paliar os efectos negativos da suba dos prezos. “Hai moita xente que o está pasando mal”, advertiu en relación con gastos cotiás “coma encher o depósito para ir traballar”, saír faenar nun barco ou poñer gasoil a un tractor, “e pagar a luz, o alugueiro, a hipoteca, mercar os libros escolares…”.
Traducido a datos, apuntou que en agosto o IPC na comunidade acadou o 4,8 %, “medio punto por enriba da media estatal e a segunda taxa máis elevada”, e incidiu en “dous aspectos especialmente preocupantes”, como son un incremento dun 11 % no prezo do transporte e dun 9,3 % en gastos de vivenda, electricidade, gas e combustibles. “Están subindo precisamente aqueles gastos dos que unha familia non pode prescindir”, puntualizou.
A parlamentaria socialista preguntouse que ten feito ao respecto o Goberno de Rueda, máis alá da súa política de “substituír dereitos por bonos”, eliminar a tarxeta básica ás familias máis vulnerables e liquidar o complemento autonómico do bono social térmico. Patricia Iglesias recordoulle á Xunta que, por enriba, se ven de coñecer o pau da Xustiza ao recurso de inconstitucionalidade que interpuxera o Goberno de Rueda “por motivos partidistas” contra a lei de vivenda estatal, que permite topar os prezos.
“En marzo anunciou un plan anticrise de 157 millóns de euros, pero hoxe, seis meses despois, onde están as convocatorias no DOG? Canto se concedeu? Canto chegou ás familias, ao sector pesqueiro, ao agrario ou ás pemes?”, criticou sobre a falta absoluta de datos.
Pola contra, Iglesias insistiu en propoñer medidas concretas cun orzamento suficiente para “protexer ás familias, apoiar ao sector primario, axudar ás pemes e combater a pobreza enerxética”.
