Conselleiro de Emprego 22 de septiembre de 2026

O PSdeG alerta de que «cada nova que coñecemos do conselleiro de Emprego é máis preocupante» e esixe explicacións inmediatas a González e a Rueda

Os e as socialistas reiteran esixencia da comparecencia urxente do conselleiro despois de coñecerse que segue a ter o 39% dunha sociedade de produción de uva con sede no mesmo lugar ca as empresas do grupo familiar sancionado por empregar migrantes sen papeis

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026. O PSdeG considera que o caso do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vai a peor cada día que pasa. «Cada cousa que sabemos é máis preocupante ca a anterior, e a resposta do PP é sempre a mesma: dar o asunto por pechado para pasar páxina canto antes», sinalan os socialistas. Por todo isto, esixen que o conselleiro compareza no Parlamento e que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explique tamén o seu papel nesta historia.

A última información, publicada hoxe por elDiario.es, desmonta o principal argumento do conselleiro. José González leva unha semana repetindo que non ten nada que ver coas empresas da súa familia. Pero segue a ser dono do 39% de Mirador de Banga S.L., unha sociedade dedicada á obtención e comercialización de uva que ten a sede no mesmo enderezo de Ribadavia ca as empresas do grupo Casal de Armán, entre elas a filial que a Inspección de Traballo sancionou por ter persoas migrantes sen papeis traballando na vendima de 2025.

A Consellería defende que esa sociedade non ten actividade. As contas de 2025 din outra cousa: recollen 250.000 euros en investimentos financeiros a longo prazo, case o dobre do que rexistraba poucos anos antes. E a explicación que dá a propia Consellería abre aínda máis preguntas, porque fala da achega dunha viña a outra sociedade na que tamén entraría o conselleiro e négase a dicir cal é. «Un conselleiro que asegura non ter relación ningunha co mundo do viño resulta que achega viñas a sociedades que non quere identificar. Isso é xusto o contrario a transparencia», apuntan desde o PSdeG.

Os socialistas lembran como foi avanzando o caso. Primeiro soubemos que a adega da familia do conselleiro fora sancionada por ter traballadores sen papeis na vendima. Despois, que el o despachou como un «desgraciado incidente», que culpou a unha empresa de traballo temporal da que aínda ninguén deu o nome e que a empresa familiar denunciou ante a Garda Civil aos propios traballadores migrantes, non á ETT. E agora, que o conselleiro mantén intereses nunha sociedade da uva co mesmo domicilio ca as empresas sancionadas. «Canto máis explica, peor», resumen.

O PSdeG insiste en que isto non é un asunto privado xa que José González é o responsable da Xunta en materia de emprego e dereitos laborais. É tamén o conselleiro que leva máis dun ano reclamando ao Goberno de España as competencias sobre as autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras, en nome dunha inmigración «ordenada» e «controlada», e que cualificou de improvisada a regularización extraordinaria impulsada polo Estado. «Quen dá leccións de inmigración ordenada non pode ter a empresa da súa familia vendimando con persoas sen papeis e despacharse dicindo que el non sabía nada», sinalan.

Os socialistas consideran que Rueda tamén ten que dar explicacións. O presidente di agora que non soubo da sanción ata que a publicou a prensa, un ano despois. «Custa crelo. Pero se fose certo, sería igual de grave, porque significaría que o conselleiro encargado de velar polos dereitos laborais lle agochou durante un ano ao presidente que a empresa da súa familia fora sancionada por traballar con persoas sen papeis. E Rueda, en vez de pedirlle contas por iso, dá por boas as súas explicacións».

Ademais, a participación de José González en Mirador de Banga figura na declaración de bens que o propio conselleiro presentou no Parlamento en 2024. Non era ningún segredo. Como xa advertiu o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o PSdeG cre que Rueda estaba ao tanto e non actuou. «O presidente sabía, ou tiña que saber, que o seu conselleiro de Emprego seguía a ter intereses nunha sociedade da uva. Ten que explicar desde cando coñecía todo isto e por que non fixo nada».

Rueda asegurou onte que o conselleiro comparecerá se a oposición o pide. O PSdeG xa o fixo. O 16 de setembro rexistrou unha proposición non de lei para esixir esa comparecencia, xunto con doce preguntas e a petición de todas as axudas públicas recibidas pola adega desde 2009. «Non queremos que José González veña repetir o que xa dixo, como anuncia Rueda. Queremos que explique o que calou: que sociedades ten, a cal delas achegou a viña, cal é a ETT e que relación mantén hoxe co negocio familiar».

Unha vez aclarados estes feitos, conclúe o PSdeG, haberá que depurar as responsabilidades políticas que correspondan.