Aitor Bouza CEIP Sigüeiro Oroso 29 de septiembre de 2026

O PSdeG esíxelle á Xunta a rehabilitación integral do CEIP de Oroso, logo de case medio século da súa construción: «Non chega con actuacións puntuais»

Aitor Bouza advertiu da necesidade de renovar todas as instalacións de fontanería e electricidade, as fachadas e as fiestras por eficiencia enerxética e por seguridade

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026. O portavoz socialista de Educación no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, reclamoulle hoxe ao Goberno de Rueda que acometa a rehabilitación integral do CEIP Sigüeiro, no termo municipal de Oroso, un edificio construído en 1979. “Non chega con actuacións puntuais”, dixo. O deputado do PSdeG sinalou que foron os gobernos locais socialistas, durante os seus mandatos, os que acometeron diferentes actuacións para a mellora do centro, mais subliñou tamén que a competencia para a gran reforma que precisa é exclusiva da Xunta.

Bouza criticou en comisión parlamentaria que, nun inicio de curso marcado en toda Galicia por numerosas incidencias no transporte escolar, a carencia de profesorado e unha planificación deficiente por parte do Executivo galego, centros coma o de Oroso suman graves eivas no plano da propia infraestrutura. Por iso, censurou que o que debe ser unha prioridade para calquera Administración, como é a educación pública, sufra este abandono. “Sen un ensino público forte e de calidade, non é posible asegurar a cohesión sociali nin o progreso colectivo”, salientou.

Máis de 400 alumnas e alumnos

Aitor Bouza detallou que o CEIP Sigüeiro é o centro educativo de referencia no municipio, con máis de 400 alumnas e alumnos, o que é boa mostra do incremento da poboación en idade escolar na zona.

O deputado socialista enumerou as actuacións mínimas que se precisan para que esta infraestrutura educativa responda ás necesidades actuais. Entre elas situou a renovación completa das instalacións de fontanería e electricidade, ademais da mellora da envolvente mediante a substitución das fiestras e a rehabilitación das fachadas. O obxectivo é mellorar a eficiencia enerxética, o confort e a seguridade do alumnado e o profesorado.

Por outra banda, urxiu tamén a actualizar o estado xeral do interior do edificio para garantir un uso educativo axeitado “e adaptado aos estándares de calidade e accesibilidade que deben rexer no ensino público galego”.

Bouza demandou que todas esas melloras se desenvolvan de xeito urxente “e en diálogo coa comunidade educativa”.

Noticias relacionadas