Carmen Rodríguez Dacosta Emprego PARLAMENTO DE GALICIA 16 de septiembre de 2026

O PSdeG leva ao Parlamento o caso da adega da familia do conselleiro de Emprego e pide todas as axudas públicas que recibiu desde 2009

O Grupo Socialista rexistra doce preguntas e unha proposición non de lei na que reclama a comparecencia de José González polos dous traballadores migrantes sen permiso detectados na vendima de 2025 nas viñas do grupo Casal de Armán

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026. O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia rexistrou hoxe no Parlamento unha batería de iniciativas para que o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, explique a presenza de dúas persoas migrantes en situación irregular traballando na vendima de 2025 nas viñas vinculadas a Casal de Armán, a adega da súa familia no Ribeiro. O PSdeG solicitou tamén por rexistro á Xunta a relación de todas as axudas públicas recibidas pola adega desde o ano 2009.

A batería consta de doce preguntas e dunha proposición non de lei na que os socialistas reclaman a comparecencia do conselleiro na Cámara e piden que, unha vez esclarecidos os feitos, se depuren as responsabilidades políticas que correspondan.

A Inspección de Traballo detectou a estes dous traballadores, sen autorización para traballar, nunha actuación de oficio durante a pasada vendima. O expediente sancionador dirixiuse contra Viña Campiñas, S.L., a sociedade do grupo familiar que xestiona os viñedos dos que procede a uva de Casal de Armán.

O conselleiro defendeu onte a «honorabilidade» da empresa e da súa familia, cualificou o sucedido de «desgraciado incidente» e atribuíuno a un erro da adega ao confiar na empresa de traballo temporal coa que traballa habitualmente. Tamén lembrou que deixou de ser socio en 2018.

Os socialistas consideran insuficientes estas explicacións. Sinalan que, aínda que a empresa atribúe a responsabilidade á ETT, a Inspección de Traballo dirixiu a súa actuación contra a sociedade do grupo familiar. Engaden que a denuncia que a adega asegura ter presentada ante as forzas de seguridade tampouco se dirixe contra a ETT, senón contra os dous traballadores, por usurpación de identidade, tal e como explicou o propio conselleiro. A empresa negouse a facilitar unha copia desa denuncia a elDiario.es.

«No Parlamento non se lle pregunta como irmán, senón como conselleiro de Emprego», sinalou a deputada Carmen Rodríguez Dacosta. A socialista reclamou saber se as dúas persoas estaban dadas de alta na Seguridade Social, se contaban con cobertura en caso de accidente e quen respondería por elas se sufrisen algún percance mentres traballaban na viña.

O PSdeG lembra que José González dirixe as políticas de emprego e emigración da Xunta desde abril de 2024 e que, entre 2018 e 2024, foi conselleiro do Medio Rural, polo que o caso afecta a tres áreas que estiveron ou están baixo a súa responsabilidade.

Os socialistas contrapoñen tamén estes feitos co discurso do conselleiro, que defende unha «inmigración ordenada» e reclama ao Goberno central as competencias sobre autorizacións de traballo, entre elas os permisos para traballos de temporada. «Pide poder autorizar traballos de temporada mentres na vendima das viñas da súa familia había dúas persoas sen permiso. Iso tamén ten que explicalo», engadiu Dacosta.

En canto ás axudas, o PSdeG pedirá o listado completo de subvencións e axudas concedidas á adega desde 2009, cos seus importes e organismos concedentes. Os socialistas lembran que, segundo unha sentenza do TSXG publicada por Praza.gal, Bodegas Casal de Armán incumpriu unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros cando o actual conselleiro aínda era socio da empresa. «Cando unha empresa recibe diñeiro público, a cidadanía ten dereito a saber canto e para que», apuntou Dacosta.

Nas preguntas rexistradas, o PSdeG interésase tamén pola cualificación das infraccións e a contía da sanción, pola data na que o conselleiro tivo coñecemento da actuación da Inspección e por se informou diso ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

«Primeiro pedimos explicacións. Se as que dea no Parlamento non convencen, esixiremos responsabilidades», concluíu a deputada socialista.

Noticias relacionadas