Lara Méndez Lingua Lingua galega 24 de septiembre de 2026

O PSdeG logra reforzar a protección do galego coa garantía do 50% no ensino, a recuperación do seu uso nas materias científicas e máis de 65 millóns para impulsalo

  • A secretaria de organización, Lara Méndez, subliña que o acordo corrixe carencias do plan da Xunta e lembra que, aínda que o PP podía aprobalo só, ante unha emerxencia lingüística na que nin 2 de cada 10 nenos e nenas falan galego o PSdeG tiña a responsabilidade de melloralo: “Dentro duns anos sería difícil explicar que, sabendo o que estaba en xogo, non désemos este paso”
  • Os socialistas marcan os prazos: as medidas aplicaranse durante o 2027 e obrigará a modificar a normativa, incluído o decreto do plurilingüismo.
  • Reforzarase a presenza do galego na infancia, cun maior uso na educación infantil das contornas castelanfalantes e cunha programación propia e específica na TV pública.
  • O sector da edición e o audiovisual participarán no deseño dos plans para as industrias culturais que crean en galego, que contarán con máis orzamento e axudas específicas
  • O plan deixará de depender só da vontade da Xunta: terá un dobre control anual, cun papel determinante do Consello Asesor, no que estarán representadas as entidades que defenden o idioma
  • O PSdeG manterá o seu labor de control e seguirá a traballar polo seu modelo lingüístico: “Ter un horizonte máis ambicioso non é incompatible con avanzar hoxe”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, presentou hoxe os principais avances logrados polos socialistas no acordo para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que mellora substancialmente a proposta da Xunta nun momento de emerxencia lingüística. O texto incorpora compromisos amplamente demandados nos ámbitos do ensino, da cultura e do financiamento, ademais de maiores garantías para verificar o cumprimento das medidas.

“Non é o plan que fariamos nós se gobernásemos nin significa renunciar ao noso modelo lingüístico”, aclarou Méndez. A dirixente advertiu, con todo, de que a situación da lingua esixe actuar. “Ante a preocupante perda de falantes, especialmente entre a infancia e a mocidade, dentro duns anos sería moi difícil mirar atrás e explicar que, sabendo o que estaba en xogo e tendo a oportunidade de mellorar o plan, non désemos este paso”.

A secretaria de Organización do PSdeG lembrou que “o PP ten maioría absoluta para sacalo adiante en solitario, pero nós decidimos negociar para corrixir carencias, incorporar demandas que quedaran fóra e reforzar a protección da lingua. Tiñamos a responsabilidade de facelo. E fixémolo”, e destacou que os avances acadados son froito “do traballo, da interlocución e da escoita ás entidades e colectivos que levan anos defendendo o galego”.

Entre os avances máis relevantes, salientou os acadados no ensino, que emendan o decreto do plurilingüismo ao establecer de forma clara e medible que nos centros de Primaria e Secundaria o 50 % do horario lectivo se imparta en galego, garantía que agora non existe. Ademais, volverá ás materias científicas e tecnolóxicas, revertendo a exclusión imposta ata agora. “Acabamos cun veto inxustificable, porque unha lingua plenamente normalizada non pode quedar fóra de ningún ámbito do coñecemento. O alumnado ten dereito a aprender matemáticas, física ou tecnoloxía en galego, contribuíndo así a prestixiar a lingua”, sostivo.

Insistiu en que se trata dun avance moi importante que se pase a impartir un mínimo do 50 % das materias en galego, xa que na actualidade ese 50 % estaba restrinxido ás materias alleas ás ciencias e idiomas. É dicir, se agora só se imparten en galego a metade das materias de humanidades, tras o acordo, ese mínimo será do 50 % do total.

O acordo reforza tamén o uso do galego desde as primeiras etapas educativas. Na escolarización infantil das contornas castelanfalantes, terá garantido o mesmo nivel de uso. “É precisamente onde a nosa lingua ten menos presenza na vida diaria onde a escola debe exercer unha maior función compensatoria”, subliñou.

Nos centros plurilingües o galego poderá gañar máis espazo cando a lingua estranxeira non complete o terzo máximo do horario. Na Formación Profesional, o obxectivo será que o alumnado remate os seus estudos capacitado para exercer a súa profesión tamén en galego, “que debe ser lingua de traballo; non abonda con aumentar os materiais dispoñibles nas clases”, afirmou.

Un acordo necesario ante a perda de falantes

Méndez enmarcou estes avances ante a situación lingüística profundamente alarmante que atravesa o galego, especialmente entre as novas xeracións. Segundo os datos do IGE e os informes da RAG, hoxe menos de dous de cada dez nenos e nenas falan habitualmente galego, fronte a catro de cada dez hai vinte anos, e arredor dun terzo ten dificultades para expresarse nel. A perda de transmisión é tamén unha profunda fractura: a porcentaxe de persoas que aprenderon inicialmente a falar en galego caeu do 52 % en 2003 ao 33,9 % en 2023. “estase a quebrar o fío que mantivo vivo este patrimonio durante xeracións”, advertiu.

“Son datos gravísimos que esixen unha resposta inmediata. As políticas lingüísticas teñen consecuencias e non facer todo o que está na nosa man para cambialo sería unha irresponsabilidade”, subliñou Méndez.

Nese senso, tras a sinatura, Méndez explicou que o acordo é produto dun longo traballo por parte do PSdeG e o seu grupo parlamentario, que desde 2024 veñen mantendo encontros coas entidades para analizar propostas e todos os puntos de vista dos sectores vinculados á lingua. Moitas desas achegas, apuntou, están incluídas no documento. Lembrou tamén que o partido impulsou un foro específico no que participaron diferentes actores do ámbito doutras linguas minorizadas para analizar as súas experiencias. A iso uniu o labor de grupos de traballo dentro do propio PSdeG. 

Reforzo da edición, do audiovisual e máis para a infancia

A dirixente destacou igualmente as melloras incorporadas para as industrias culturais que crean en galego, que se desenvolverán da man do sector.

No sector editorial aumentaranse os orzamentos e as medidas de apoio planificaranse en colaboración coas propias editoriais. Haberá liñas específicas para impulsar a creación en galego, diferenciadas das destinadas ao castelán, e un marco de colaboración para favorecer a internacionalización dos produtos.

No audiovisual incrementaranse as axudas á produción en galego, tamén ás produtoras independentes, e favorecerase unha maior presenza destas producións na televisión pública, onde se impulsará ademais unha necesaria programación infantil propia e específica en galego. “Non emisións puntuais, senón estables e pensadas para que os nenos e nenas teñan referentes na súa lingua e normalicen o seu uso”, sostivo.

O acordo inclúe ademais un plan, pactado co sector, para aumentar a presenza e o uso do galego nas plataformas, nos espazos dixitais, nas redes sociais e na tecnoloxía, incluídos os avances da intelixencia artificial.

Méndez destacou especialmente a creación dun Plan de Fomento da Lectura en Lingua Galega, “para nós fundamental, porque vai moito máis alá da educación ou da industria cultural: é unha cuestión de país. Un plan construído da man de quen leva anos defendendo e impulsando a nosa lingua: a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e os representantes do sector”.

Recoñecemento en Europa

Tamén sinalou que o acordo inclúe o compromiso de reforzar a presenza e o prestixio institucional do galego e promover o seu recoñecemento e uso oficial tamén nas institucións da Unión Europea.

A secretaria de Organización puxo o foco no compromiso económico incorporado ao acordo, unha das principais diferenzas respecto da proposta inicial. “Un plan sen recursos corre o risco de quedar nunha declaración de intencións. Por iso son imprescindibles os compromisos económicos cuantificables”, afirmou.

O acordo establece un incremento anual de 1,5 millóns de euros nos orzamentos destinados ao Plan e compromete a mobilización demáis de 65 millóns de euros durante os primeiros catro anospara o fomento, difusión e promoción da lingua galega.

E outro dos avances clave é que o plan deixará de depender só da vontade do Goberno e pasaráa ter mecanismos reais de control, empezando polo ensino, onde se incorporarán o seguimento e a avaliación das actuacións previstas nas planificacións lingüísticas dos centros educativos. Ademais, cada ano presentarase no Parlamento un informe sobre as materias que se imparten en galego e sobre o cumprimento destas medidas, para poder detectar problemas e corrixilos.

Así mesmo, haberá unha dobre avaliación anual de todo o Plan, con informes de seguimento, cronogramas e debate no Parlamento. O Consello Asesor da Lingua Galega terá un papel central no seguimento da evolución da idioma e, por proposta nosa, contará coa participación dos grupos parlamentarios, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e entidades vinculadas á defensa do idioma.

Por outra banda, acordouse completar o cumprimento das previsións contidas na Lei Paz Andrade que habilita competencias en portugués e traballar con todos os medios de comunicación para aumentar a presenza do galego, respectando, ademais, declaracións e contidos.

Méndez puxo tamén en valor que os compromisos “xa non quedan nun horizonte indefinido”, senón que incorporan prazos concretos: deberán aplicarse durante 2027, incluíndo as modificacións normativas necesarias, incluíndo modificar o decreto de plurilingüismo para facelos efectivos, e incorporar a dotación orzamentaria no 2027 e 2028.

A secretaria de Organización deixou claro, con todo, que o acordo “non significa que as socialistas renunciemos ás nosas reivindicacións e que seguiremos coas labores de control”. Pola contra, explicou que, despois dun intenso traballo de escoita con colectivos e entidades que levan anos defendendo o galego, e de coñecer de primeira man a experiencia doutras linguas minorizadas, “tiñamos claro que había que tomar a iniciativa e dar pasos adiante para reforzar a protección e o futuro da nosa lingua”.

O que hoxe presentamos é un paso nesa dirección, “pero non recolle todo o que nós faríamos”, advertiu. “Cando tivemos a responsabilidade de gobernar entendemos a lingua como o que é: o cerne do patrimonio cultural de Galicia e unha parte esencial da nosa identidade como país. Ese segue sendo o noso horizonte”, afirmou.

A dirixente socialista considerou, con todo, que os avances acordados permiten achegar Galicia “ao camiño que nunca debeu abandonar”. O PSdeG mantén, de feito, obxectivos máis ambiciosos: que o 50 % do ensino en galego sexa un mínimo e non un teito, que a edición se integre plenamente nas industrias culturais, incrementar os recursos destinados á lingua e garantir a súa presenza efectiva en todos os ámbitos da sociedade.

“Ter un horizonte máis ambicioso non é incompatible con avanzar hoxe. Ao contrario: cando existe a oportunidade de gañar dereitos e protección para o galego, a responsabilidade do PSdeG é aproveitala”, concluíu.

Noticias relacionadas