Paloma Castro denuncia que o proxecto comprometido de 1,9 millóns de euros ficará nunha intervención de 242.000 euros financiada exclusivamente polo concello de Poio
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026. A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de furtarlle aos veciños e veciñas da parroquia de Samieira -Poio- o proxecto integral de reforma do porto de Covelo. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca para reclamar que cumpran cos “investimentos, planificación e compromisos” adquiridos polo goberno galego, pero que o PP rexeitou.
Castro alerta de que o proxecto orixinal de 1,9 millóns de euros cofinanciados entre Xunta, Portos de Galicia e o Concello quedarán nunha pequena intervención de 242.000 euros exclusivamente a cargo dos veciños e veciñas de Poio. Lembrou que a Xunta tiña que asumir un investimento de 450.000 euros, ademais de outros 200.000 a cargo de Portos de Galicia, que “desaparece da ecuación cando chega o momento de pagar”.
Aludiu así á intención do goberno galego de trasladar ao Concello a titularidade dos terreos de Portos en Covelo, e esixiu que “primeiro executen os investimentos pendentes para acondicionar Covelo nas condicións que merece, e despois poderán falar do modelo de xestión máis conveniente”.
A parlamentaria socialista acusou ademais ao goberno municipal do PP de “actuar como portavoz da Xunta en Poio en lugar de defender os intereses de Poio diante da Xunta”. Esixiulle á Xunta que “actualicen o proxecto integral, determinen tecnicamente as actuacións que continúan sendo necesarias hoxe, calculen o custe actual e establezan as fases para executar” unha intervención fundamental para unha zona degradada que urxe dunha actuación dende hai anos.
