advirte que o PP négase a preservar a memoria das vítimas e promover os valores democráticos e os dereitos humanos en Meirás e San Simón
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026. A portavoz de Política Institucional do Grupo Socialista, Paloma Castro, criticou hoxe que o PP teña votado en contra de pedirlle á Xunta que asuma un “papel activo” na posta en valor do Pazo de Meirás e as illas de San Simón e Santo Antón como Lugares de Memoria. Castro lamentou que o PP rexeitara a proposición non de Lei que presentou na Comisión Institucional do Parlamento para reclamarlle á Xunta que cumpra coa Lei de Memoria e aprobe un Plan de Usos destes espazos.
A responsable socialista criticou a hipocrisía do PP, que fai discursos a favor da Memoria con “palabras que leva o aire” cando despois vota en contra. Puxo en dúbida o compromiso deste partido cos represaliados polo franquismo cando levan 15 anos banalizando o significado histórico do antigo penal de San Simón.
Lamentou que se teñan dedicado a insultar ás familias das vítimas que perderon a vida nel ao intentar convertelo en 2017 nun “parque de atraccións” con xincanas e actividades recreativas, organizando unha “noite de terror” no Samaín de 2019, ou organizando un congreso de bachata en 2025.
Castro lembrou que segundo a Lei de Memoria, a Xunta debe de asumir un papel activo na posta en valor destes lugares regulando os seus usos, exercendo a súa responsabilidade de velar polo respecto á memoria democrática e impulsando unha programación memorialística, educativa e divulgativa. Advertiu que os usos deben ser compatibles co significado histórico e de memoria, acorde coa función conmemorativa, de homenaxe, didáctica e reparadora que marca a Lei.
Apuntou que San Simón e Santo Antón veñen de ser recoñecidas como Lugares de Memoria a raíz do seu papel como colonia penitenciaria logo do golpe de Estado de 1936, con máis de 517 mortes documentadas, recoñecendo o papel das “madriñas” que prestaron axuda e asistencia aos presos. Lembrou o acto institucional da semana pasada, no que quedou fixado o seu valor para explicar a represión franquista, a solidariedade cos represaliados e a defensa dos valores democráticos.
No mesmo sentido, a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria recoñece a súa dobre dimensión histórica polo vencello coa escritora Emilia Pardo Bazán e a súa posterior utilización como residencia oficial de Francisco Franco e como símbolo de poder da ditadura. O seu recoñecemento, explicou, “debe servir para contextualizar as distintas etapas do inmoble e explicar con rigor o seu significado durante o franquismo”.
