A deputada Paloma Castro lembra que 2025 pechou coa produción máis baixa da serie recente, 177.638 toneladas, e que aínda así os prezos non subiron: «Temos menos produto, pero non temos mellores prezos»
A socialista reclama un estudo sobre o impacto real das importacións, máis trazabilidade e que as administracións galegas dean exemplo nas súas compras: «Non lle pedimos proteccionismo. Pedímoslle política»
Santiago de Compostela, 01 de setembro de 2026. A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, levou hoxe á Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia a situación do sector mexilloeiro, que encadea o terceiro ano consecutivo de produción en mínimos mentres medra a entrada de mexillón importado e os prezos que cobra o bateeiro non melloran. «Non estamos falando dunha actividade económica máis, senón dun sector estratéxico para Galicia», advertiu, ao lembrar que o propio Goberno do Estado cifra en máis de 11.000 os empregos directos vinculados á actividade.
Os datos son da propia Consellería do Mar. En 2025 producíronse en Galicia 177.638 toneladas de mexillón, o volume máis baixo da serie histórica recente e moi lonxe das case 300.000 toneladas de 2006.
Detrás hai un problema estrutural que, para a socialista, non se pode minimizar: os peches por biotoxinas que deixan os polígonos parados durante días ou semanas enteiras, o quecemento da auga que xa afecta ao crecemento e á fixación da semente, tal como advirte desde hai tempo o investigador do CSIC Antonio Figueras, e a escaseza de mexilla que o sector leva meses trasladando á Consellería.
Lembrou que este mesmo inverno, entre o 3 e o 7 de febreiro, a estación de Cortegada rexistrou durante máis de cinco días valores de salinidade inferiores a dez partes por mil, cando o limiar crítico para a supervivencia do mexillón galego está arredor das doce.
A segunda parte da iniciativa foron as importacións. En 2024 España importou arredor de 29.450 toneladas de mexillón, das que máis de 22.500 correspondían a conservas e preparados, con Chile como principal orixe nese segmento. As exportacións chilenas a España deste tipo de produto achegáronse en 2025 aos 89 millóns de dólares.
«O problema non é que entre produto cando non existe suficiente oferta galega. Vivimos nun mercado aberto», matizou a deputada. «O problema aparece despois. O mexillón importado entra durante os períodos de escaseza, consegue posición no mercado e permanece nel cando o galego volve estar dispoñible.»
E aí está o dato que Castro pediu explicar. Unha caída importante da oferta debería empurrar os prezos á alza. Non ocorreu. O 77 % da produción foi para fresco, arredor de 73 céntimos o quilo, e o resto para a industria, a uns 61 céntimos, cinco menos que o ano anterior.
A facturación do sector quedou en preto de 124 millóns de euros, máis de catro millóns menos que en 2024, e na ría de Vigo a produción caeu case un 20 %. «Temos menos produto, pero non temos mellores prezos», resumiu. «Algo falla. E é responsabilidade da Administración saber que está fallando e actuar.»
O último informe do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da Universidade de Santiago describe o chorito chileno como unha materia prima cada vez máis necesaria para soster determinados niveis de produción conserveira, cun efecto que a deputada considera clave: contribúe a manter baixos os prezos da produción galega. «Aquí a Xunta non pode limitarse a actuar como espectadora.»
A outra pata da iniciativa é a información que recibe quen compra. «Que sucede cando unha persoa pide unha ración de mexillóns nun restaurante? Sabe realmente se está a comer mexillón galego? Sabe se é Mytilus galloprovincialis ou Mytilus chilensis?», preguntou Castro, que estendeu a dúbida aos produtos transformados e á restauración colectiva. «Cumprir formalmente a normativa de etiquetado non significa necesariamente que o consumidor estea suficientemente informado.»
A socialista reclamou tamén máis peso para a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, que en 2025 certificou 20.463 toneladas, apenas un 11,5 % da produción total, e pediu que as administracións galegas dean exemplo nas súas compras. Sabe que non se pode discriminar por procedencia xeográfica, pero si empregar criterios de calidade diferenciada, sustentabilidade, pegada de carbono ou trazabilidade. «Resulta difícil pedirlles aos consumidores galegos que prioricen o produto galego se a propia Xunta non garante esa prioridade nas súas compras», dixo, en referencia a hospitais, residencias, centros educativos e comedores públicos.
Castro formulou catro preguntas: se a Xunta estudou o impacto do mexillón importado nos prezos en primeira venda e na rendibilidade das bateas; se considera que a información que hoxe recibe o consumidor abonda para distinguir o produto galego do importado; que medidas concretas vai adoptar en trazabilidade e identificación da procedencia; e que está a facer para evitar unha substitución estrutural do mexillón galego cada vez que hai un peche por toxinas. Na réplica rexeitou o argumento competencial: «Entre prohibir as importacións e non facer nada hai un campo enorme de actuación política.»
«Defender o mexillón galego non pode consistir só en acudir ás feiras, facer campañas publicitarias ou repetir que temos o mellor mexillón do mundo», rematou. «Non lle pedimos proteccionismo. Pedímoslle política. Non lle pedimos que peche mercados, pedímoslle que defenda o noso. Galicia é líder europeo na produción de mexillón e o que lle estamos pedindo á Xunta é que exerza tamén como líder na súa defensa.»
Acuicultura
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao goberno galego que teña en conta ao sector pesqueiro para elaborar o decreto da regulación da Acuicultura. Na comparecencia do director xeral de Pesca en Comisión parlamentaria, Castro defendeu a modernización dunha lexislación con máis de 30 anos pero consensuado cos milleiros de familias que viven da pesca en Galicia.
Reclamou unha acuicultura “moderna e sostible” que parta dun proceso regulador público e transparente, que incorpore garantías ambientais claras e que protexa os usos tradicionais para que poidan convivir co novo modelo de desenvolvemento. Puntualizou neste sentido que “modernizar non pode significar abandonar o tradicional, axilizar non pode significar reducir controis, e atraer investimento non pode supor entregar os nosos recursos ao mellor postor”.
A parlamentaria socialista alertou de que o incremento da produción “non pode ser o único criterio” que defenda o goberno galego, senón que “o éxito será que dentro de dez ou vinte anos sigamos tendo rías produtivas e tamén unha acuicultura moderna e sostible”. Por iso reclamou un modelo produtivo que “sume ao sector do mar, e non substitúa o que xa temos”.
Esixiulle ao goberno galego que escoite ao sector, logo do fiasco de 2016, cando a daquela conselleira do Mar, Rosa Quintana, tivo que retirar o proxecto de Lei para regular a Acuicultura pola falla de acordo cos profesionais do mar. Advertiu que “unha reforma desta importancia non se pode impoñer dende un despacho”, e reclamou que “escoiten primeiro e lexislen despois” incorporando as aportacións do sector á futura norma.
