Paloma Castro alerta de que os acordos do PP con Vox están a “tirar pola borda” o traballo de 30 anos da cooperación ao desenvolvemento
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026. A portavoz de Cooperación do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamoulle ao goberno galego que se desmarque da liña do PP de “asumir os postulados da ultradereita” e blinde a cooperación ao desenvolvemento en Galicia. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores da Xunta hoxe no Parlamento, na que alertou da desaparición da cooperación internacional nos pactos de PP e Vox en Andalucía ou Estremadura.
Paloma Castro alertou do risco de tirar pola borda 30 anos de traballo da Coordinadora Galega de ONGDs, polo que reclamou a consolidación das liñas de apoio ao traballo do terceiro sector. Advertiu neste sentido da redución da aportación á Axuda ao Desenvolvemento dende 2009 ata o 0,06 por cento do Orzamento na actualidade, situando esta Comunidade Autónoma moi por debaixo da media autonómica do 0,12 por cento, que a deixa no posto 11 das 17 comunidades autónomas.
Emprazou ao goberno galego a “seguir avanzando da man das ONGD”, que representan “unha peza fundamental na defensa dos dereitos humanos e na denuncia das inxustizas e das peores actuacións de gobernos autoritarios e a esperanza para moitas persoas”.
Ceuta
Castro alertou fronte á deriva do discurso do PP, aliñado coa ultradereita negándose a asistir aos nenos e nenas inmigrantes en Ceuta e intentando “deshumanizar totalmente a estas persoas”, e sinalou que “non son conscientes” das “consecuencias nefastas” desta posición.
Sinalou que “non se pode compartir condutas de ataque aos inmigrantes, de destrozo dos seus campamentos improvisados ou da obstrución do paso aos camións da cruz vermella”. Trasladou a “repulsa total” fronte á actuación “deses energúmenos fascistas”, que “non representan a realidade do noso país”.
Explicou que a posición do PP está “afastada do sentir maioritario” do 77 por cento da poboación, que considera que o Estado español debe cooperar internacionalmente para axudar a solucionar os problemas dos países menos desenvolvidos.
