- A deputada do PSdeG chamou ao presidente da Xunta a abandonar “o seguidismo vergoñento que fai de Feijoo” e pensar exclusivamente nos intereses de Galicia unha vez que o Congreso pechou o proceso de alegacións á Lei de Medidas Excepcionais de Sostibilidade Financeira para as Comunidades Autónomas
- “Sería profundamente irresponsable dicir que non cando as listas de espera da sanidade están como están, a inflación golpea a Galicia máis que a media española e a espera para a dependencia é eterna”, advertiu
A portavoz de facenda do Grupo Socialista no Parlamento galego, Patricia Iglesias, valorou hoxe “o paso moi importante” que vén de dar no Congreso dos Deputados a Lei Orgánica de Medidas Excepcionais de Sostibilidade Financeira para as Comunidades Autónomas. Esta norma vai regular a condonación da débeda pública para as Administracións do réxime común.
Tal como recordou, en xullo, o pleno da Cámara rexeitou as emendas totais á lei, que presentaron, por unha banda Vox, e por outra o PP, este último “sempre da man da ultradereita”. Onte, a Mesa do Congreso acordou a fin do período de alegacións parciais, “de modo que os grupos parlamentarios teñen ata hoxe para presentar emendas ao articulado”.
Iglesias defendeu que, con esta lei, as comunidades “van ter oportunidade de soltar lastre de gran parte da súa débeda”, nun contexto no que Galicia “ten un problema de débeda pública, aínda que Rueda diga que non”. De feito, pasouse de case 4.000 millóns en época de Touriño a máis de 12.000 millóns na actualidade, explicou.
“Multiplicouse por tres despois de 17 anos de gobernos do PP de Feijoo e Rueda”, subliñou para trasladar “unha pregunta moi sinxela”. “Que vai facer Rueda cando se aprobe esta lei que abre a posibilidade de desfacerse dun terzo da débeda pública galega? Como se entendería que a alguén que lle condonan un terzo da súa hipoteca diga que non?”.
“E que vai facer Rueda cando outras comunidades tamén gobernadas polo PP se acollan a esa quita? Vai seguir sendo refén das políticas que marca Génova, que lle marca Feijoo e que paguemos todos os galegos e galegas?”, engadiu.
Patricia Iglesias respondeu a esas cuestións cunha demanda: “Desde o PSdeG, esixímoslle a Rueda que diga que si á quita da débeda de 4.010 millóns de euros, que pense exclusivamente nos intereses de Galicia e que corte xa as cordas que o amarran á política de confrontación, ao seguidismo vergoñento que fai de Feijoo”.
Máis recursos para os servizos públicos
A deputada socialista afirmou que negarse a solicitar esa quita equivalería a negarse a dispor de máis recursos para o financiamento e a mellora dos servizos públicos que son competencia da Xunta. “Sería profundamente irresponsable dicir que non cando as listas de espera da sanidade están como están, a inflación golpea a Galicia máis que a media española e a espera para a dependencia é eterna”, advertiu.
Por último, alertou da evolución do custe da débeda. Explicou que un recente informe de Fedea sinala que as comunidades que recorreron ao endebedamento con entidades financeiras en vez de empregar o Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), como é o caso de Galicia, “están en risco de triplicar en oito anos o gasto destinado a pagamentos de xuros”.
“Non entendemos que neste contexto Rueda pense renunciar a reducir a carga financeira de Galicia. Non hai ningún tipo de motivación e ninguén na rúa o entende. Sería unha verdadeira irresponsabilidade”, concluíu.
