O deputado socialista denuncia que con 378.749 persoas agardando, o peor dato da serie, o Sergas leva sen actualizar as listas desde decembro de 2025
Lembra que o Ministerio de Sanidade vén de anunciar un real decreto que obrigará a computar a demora dende a indicación do médico
Critica que “todo o mundo sabe que hai algún método para adiantar unha cita, sobre todo se hai unha clínica privada polo medio. Iso pasa en Galicia, e dicir que non é mentir”
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026. 378.749 persoas. Julio Torrado repetiu ata tres veces esta cifra na tribuna. É o número de galegos e galegas que agardaban por unha cita hospitalaria no Sergas a 30 de decembro de 2025: case 50.000 por unha operación, 124.000 por unha proba diagnóstica e 205.000 por unha consulta.
«Non son datos inventados nin calculados por nós. Son os oficiais do Sergas», advertiu o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista. “Tampouco son os máis recentes, e non é culpa da oposición. Os datos de xuño de 2026 seguen sen publicarse, aínda que hai obriga de facelo”, sinalou.
Torrado quixo evitar a comparación cos anos da pandemia e foi ao último ano “normal”, 2019. O Goberno galego non sae ben parado. Na lista cirúrxica pasouse de 32.750 persoas a case 50.000, un 51% máis. Nas probas diagnósticas a subida é do 46% e nas consultas, do 23%. «Estamos no peor momento da serie histórica. Nunca agardou tanta xente e nunca se agardou tanto tempo.»
Quen vixía isto? Esa foi a pregunta que abriu a primeira das dúas propostas socialistas. «Alguén ten que estar avisando de que a cousa non vai ben.» Para o PSdeG, ese alguén xa existe dentro do sistema: a inspección médica, o corpo con máis preparación para avaliar se as listas medran, en que servizos e por que. O problema é que hoxe apenas pode mirar para elas. O plan de inspección da Consellería dedica moito esforzo ao control das baixas laborais, pero nas listas de espera só audita as próteses de cadeira e de xeonllo: «Debe ser máis importante vixiar os traballadores que controlar que as listas de espera vaian ben», ironizou.
Os socialistas piden máis medios para a inspección, devolverlle o prestixio e darlle capacidade para fiscalizar as esperas de forma sistemática. Tamén para decidir quen pode tocar unha cita e con que critério: «O que pasa noutras comunidades, onde se alteran citas para cadrar obxectivos, tamén pasa en Galicia. Alguén ten que controlalo”.
A segunda proposta vai directa ao xeito de contar. Torrado describiu unha escena que coñece calquera galego. Unha persoa sae da consulta do especialista cunha proba pendente, pasa por admisión e escoita «xa lle chamaremos». Desde ese momento, para a estatística, non existe. «Se a chaman nove meses despois, eses nove meses non contan.» Por iso o PSdeG pide que a espera se compute dende o primeiro día e que os datos se publiquen cada trimestre. «As listas de espera son mentira. Sábeo calquera persoa. É imposible que non coñezamos a alguén que está fóra dos datos”.
O deputado lembrou que o Ministerio de Sanidade anunciou onte un real decreto para que todas as comunidades contabilicen igual, dende a indicación do médico aínda que non haxa cita, e que medirá por primeira vez as esperas en atención primaria. «Lembro cando en atención primaria non había esperas. Hoxe, coa sanidade do PP, hainas.» Galicia, dixo, podería adiantarse e ser pioneira. «Imos ter que facelo obrigados. Fagámolo por vontade. Dá a sensación de que vostedes teñen alerxia á transparencia, porque na escuridade móvense mellor.»
Na réplica, Torrado rexeitou que as folgas contra o Estatuto Marco sirvan de explicación para todo. «Se queren, falamos de decembro de 2024, cando non había folgas polo medio.» E devolveulle a pregunta ao PP: “Estanse a facer peonadas en Galicia? «Non. E non se fan porque os profesionais están en conflito coa Consellería de Sanidade pola mellora das súas condicións laborais. Hoxe esas operacións non se fan en Galicia. E é pola súa culpa.»
Tampouco aceptou que o Ministerio sirva para dar por boas as cifras do Sergas. «O Ministerio nin valida nin deixa de validar as listas de espera. Publica o que lle chega.»
Así, explicou que segundo as listas oficiais, ninguén agarda máis de doce meses no servizo no que el lmesmo leva esperando desde abril do ano pasado: «E podería poñer centos de casos como o meu.» Logo foi un paso máis alá ao sinalar que “todo o mundo sabe que hai algún método para adiantar unha cita, sobre todo se hai unha clínica privada polo medio. Iso pasa en Galicia, e dicir que non é mentir.»
Contar dende o primeiro día e poñer os inspectores a vixiar as listas incomoda, concluíu, por un motivo sinxelo: «Porque así non as poden terxiversar nin agochar». O que pide o PSdeG é pouco máis ca iso. «Queremos un sistema público que se autoavalíe e que sexa quen de dicir: temos un problema e podemos melloralo.»
