- O Grupo Socialista reclamará no pleno do Parlamento que os fondos orzamentados para ese fin, aínda que son “ridículos”, cando menos, cheguen “de inmediato” á cidadanía
- O deputado do PSdeG criticou que, malia os “moitísimos anuncios” do PP, o número de demandantes de vivenda multiplicouse por dous desde que Rueda é presidente da Xunta
O Grupo Socialista reclamará esta semana no pleno do Parlamento Galego que os fondos destinados ao programa da Xunta de acceso á vivenda “cheguen á cidadanía no presente exercicio”. Será a través dunha proposición non de lei na que se lle esixe ao Goberno galego que adoite “de inmediato” as medidas precisas para incrementar o grao de execución das partidas orzamentarias correspondentes.
Aitor Bouza, que defenderá a iniciativa, criticou hoxe que todos os anos se repite a falta de execución deses fondos. No 2025 situouse arredor do 50 %, co que a metade dos cartos que deberan chegar á xente que máis o precisa non se entregaron. “A política de Rueda é a condena a miles de galegos a non poder ter casa”, denunciou o portavoz socialista de vivenda respecto da ineficacia e mesmo a falta de interese do PP por garantir o funcionamento dese programa.
O deputado do PSdeG lembrou que as “competencias exclusivas” en materia de vivenda correspóndenlle á comunidade autónoma, polo que a proposición non de lei ten como obxectivo tamén “poder avaliar como desenvolveron esas competencias Rueda e Feijoo cando estaba á fronte da Xunta”. Máis aínda, cando “nos últimos días vimos como se poñían ao lado dos especuladores en vez de poñerse ao lado dos galegos e galegas que precisan da protección pública para acceder a un fogar”.
Bouza puxo como exemplo das políticas do PP que ata o pasado mes, por primeira vez desde que accedeu ao goberno galego en 2009, non fixese entrega dunha soa vivenda pública en Santiago. As que ven de entregar son só 24, “fronte ás máis de 36.400 persoas que están anotadas no rexistro de demanda de vivenda”. Sinalou, ademais, que esa cifra dobrouse desde que Rueda é presidente.
“Poden facer moita propaganda, moitísimos anuncios, pero os datos desmíntenos. Chegaron a presupostar uns ridículos tres millóns para o programa de acceso á vivenda e, por enriba, non executaron máis que o 50 %. E levan desde o 2009 sen construír vivenda pública”, recordou.
“Precisamos que se cambie o rumbo”, afirmou Aitor Bouza, que chamou a poñer o foco no que cualificou de “emerxencia clara e drama absoluto para moitos galegos e galegas”.
