Lembra que a decisión de convocar eleccións é potestade do presidente do goberno, que empregará “con responsabilidade e no interese de toda a cidadanía”, e que no seu momento “serán as eleccións do dereito á vivenda”
Santiago de Compostela, 02 de outubro de 2026. O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle a Rueda que se poña “do lado dos vulnerables” e dos galegos e galegas que necesitan vivenda e non poden pagala para reclamarlle “a cada un” dos deputados do PP no Congreso que apoien os decretos de vivenda. Así o dixo en declaracións aos medios hoxe en Santiago.
Advertiu que o problema de acceso á vivenda “é real” e apelou á responsabilidade do PP para remar a favor de quen se enfronta á “emerxencia real” de atopar casa e “deixar á marxe os intereses dos fondos voitre e dos intereses que promocionan a especulación”, que é “o verdadeiro cancro desta situación”.
Sinalou que “non valen as escusas nin esconderse detrás das siglas”, porque a vivenda é o principal factor de vulnerabilidade social de Galicia, e os socialistas galegos “non imos dar un paso atrás” na defensa deste dereito básico. Advertiu que no caso de que o PP decida seguir bloqueando medidas que ofrecen unha resposta a milleiros de familias, Rueda en persoa “terá que explicarlles aos galegos e ás galegas por que decidiu non formar parte da solución”.
Lembrou que o goberno escoitou o clamor das rúas e respondeu con dous decretos dirixidos a poñer freo á especulación, facilitar o acceso á primeira vivenda, fomentar alugueres aseguibles e protexer fronte aos desafiuzamentos, fronte ao que “non valen cálculos partidistas”.
As eleccións do dereito á vivenda
En resposta ás preguntas dos xornalistas sobre un posible adianto electoral, o líder dos socialistas galegos lembrou que a convocatoria de eleccións é unha potestade do presidente do goberno que empregará “con responsabilidade e pensando sempre no interese da cidadanía”. En todo caso, apuntou que no momento en que estas se produzan serán “as eleccións do dereito á vivenda”.
