- O secretario xeral do PSdeG cargou contra a “indignidade” de Vox, Junts e o PP, “tamén o de Rueda”, por tombar os decretos de vivenda e dar “un portazo” ás persoas máis vulnerables
- O líder socialista participou na concentración de hoxe na praza do Obradoiro, desde onde chamou a defender un dereito recollido nesa Constitución que a dereita tanto presume de defender
“Todos estamos en risco de ser vulnerables”, advertiulles hoxe José Ramón Gómez Besteiro a quen onte tombaron no Congreso os dous decretos que avanzaban na protección dun dereito á vivenda digna “recollido nesa Constitución que tanto presumen defender”.
“Caeron as caretas dos que defendían o rescate á banca e miran para outro lado cando hai que rescatar ás persoas”, censurou o secretario xeral do PSdeG minutos antes de participar na concentración pola vivenda na praza do Obradoiro. Besteiro cargou contra Vox, Junts e o PP, “tamén o PP de Rueda”, pola súa “indignidade”.
“Tanto que falan de defender a Constitución, onte tiveron unha boa oportunidade de defender un dereito que está recollido nela”, subliñou o líder socialista para recordar que a sociedade se a topa nunha “situación de emerxencia”, todos “salvo quen deron ese portazo aos máis vulnerables”.
Besteiro chamou a “investir máis en vivenda pública e que esa vivenda siga sendo sempre pública”. Sinalou tamén a necesidade de protexer a quen o precisa máis, facendo iso compatible con darlles seguridade ás persoas propietarias.
Insistiu, ademais, en que esa emerxencia “é hoxe, non dentro de cinco anos”, para sinalar a urxencia de adoitar medidas que garantan unha oferta a prezos asumibles. Nese senso, salientou que o Partido Socialista leva tempo defendendo a necesidade de “recuperar vivendas baleiras para poñelas no mercado, dando seguridade tamén aos arrendadores, pero que iso non ampare abusos”. “Queremos tamén rehabilitar e recuperar gran parte do patrimonio que hoxe non pode estar a disposición de ninguén”, engadiu, e remarcou que se trata de cuestións “absolutamente esenciais”.
En paralelo, reivindicou como indispensable o impulso a un transporte “digno” para facilitar que as persoas se poidan desprazar entre os seus lugares de residencia e de traballo.
“Pero o fundamental hoxe é preservar e protexer ese dereito á vivenda digna, non só para mozos e mozas, senón tamén para moitísima xente que sofre unha enorme dificultada para chegar a fin de mes, xente que hoxe ten vivenda pero non sabe se mañá poderá gozar dela”, explicou.
José Ramón Gómez Besteiro concluíu facendo un chamamento a atender á “inmensa maioría” social no que é xa a primeira preocupación da cidadanía. “Foi a educación, foi a sanidade, foron as pensións e foi a dependencia, e hoxe é o momento de que o quinto piar do estado de benestar se faga efectivo”, afirmou.
