Censurou que o PP rexeitase 14 decretos con medidas antiespeculación mentres medraba un 140 % o número de demandantes de vivenda pública: «O 29N tamén vai disto, de dereita ou dereitos, e entre voitre e Perro, a cidadanía elixirá Perro”
O líder socialista lembrou que o PP tamén se opuxo á Lei de Vivenda, que a Xunta levou ao Tribunal Constitucional, onde perdeu o recurso, e denunciou que segue boicoteando as zonas tensionadas da Coruña e de Santiago
A propia Xunta, nunha resposta ao Grupo Socialista, recoñeceu que 561 pisos protexidos pasaron ao mercado libre antes de tempo na última década, e en 2030 Galicia levará perdidas decenas de miles de vivendas protexidas
O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, fixo soar hoxe unhas chaves no Parlamento para poñer diante de Alfonso Rueda o balance da súa política de vivenda: 36.500 familias agardan por un piso público, segundo o rexistro da propia Xunta, e o Goberno galego entregou 98 vivendas en toda a lexislatura. A lista de espera incrementouse un 140 % desde 2022, cando Rueda chegou á Presidencia.
«Escoite, señor Rueda. Este é o son das rúas. Identifícao? Debería, porque é o son da impotencia», díxolle ao presidente nada mais comezar coa súa pregunta na sesión de control.
O líder socialista falou dos mozos e mozas que non poden emanciparse e que, «con sorte, só poden aspirar a unha habitación con dereito a cociña», das familias que cada mes teñen que decidir de onde recortan para pagar o alugueiro e da xente que vive coa incerteza de non saber canto tempo máis poderá seguir na súa casa.
Besteiro subliñou que a situación non apareceu «da noite para a mañá». Lembrou que o PP leva dezasete anos gobernando Galicia, primeiro con Feijóo e despois con Rueda, coas competencias e os recursos para construír vivenda pública e frear a subida dos prezos. «Non o fixeron. Dezasete anos gobernando, dezasete anos dicindo NON á vivenda”.
O líder socialista sostivo que o PP xa non pode presentarse como alleo a unha crise que se explica en gran parte polas súas decisións e por facer caso omiso das competencias exclusivas que a Xunta ten en materia de vivenda: «Son vostedes os responsables. Polo que deixaron de facer, pero tamén polo que decidiron impedir”.
Entre esas decisións citou o rexeitamento do PP ao Banco Público de Aluguer proposto polo PSdeG para protexer a inquilinos e propietarios e poñer no mercado 10.000 vivendas baleiras.
Recordou tamén que os populares votaron no Congreso contra cinco decretos con medidas de vivenda só este ano (nove máis desde o 2019) e que os cinco caeron. Os dous últimos, o venres pasado, que garantían protección fronte aos desafiuzamentos, freo aos fondos voitre, prórrogas dos alugueiros, medidas contra a fraude nos pisos de tempada, incentivos fiscais e límites ás subas das rendas. «Cantas Maricarmen galegas perderon a súa casa mentres vostedes dicían que non?», preguntou.
O PP votou tamén contra a Lei de Vivenda, que a Xunta levou ao Tribunal Constitucional, onde perdeu o recurso, e o Goberno galego segue boicoteando as zonas tensionadas da Coruña e de Santiago, denunciou Besteiro. «Con cada negativa deixaron máis espazo á especulación e menos protección para quen máis necesitaba unha resposta pública”.
O portavoz do grupo parlamentario socialista alertou da perda de vivenda protexida. Segundo a propia Consellería de Vivenda, nunha resposta ao Grupo Socialista, 561 pisos protexidos pasaron ao mercado libre antes de tempo na última década, e en 2030 Galicia levará perdidas decenas de miles de vivendas protexidas, segundo explica a Fundación Civio.
Esas 98 vivendas, 74 en Pontevedra e 24 en Santiago, quedan moi lonxe das 4.000 que Rueda prometeu para esta lexislatura. «Non é precisamente un balance do que presumir», resumiu.
Besteiro pechou a intervención cunha pregunta ao presidente: «Así que, despois de 17 anos, señor Rueda, que máis ten que pasar para que o PP deixe de mirar a vivenda como un negocio para uns poucos e empece a tratala como un dereito?». E levou o debate ás eleccións xerais: «O 29N tamén vai disto: dereita ou dereitos. E xa lle adianto que, entre voitre e can, a cidadanía elixirá can”, dixo en alusión ao alcume ‘Perro Sánchez’.
