José Ramón Gómez Besteiro Lugo 15 de octubre de 2026

Besteiro reclama no Día das Mulleres Rurais acabar coa fenda de xénero que a Xunta “debe corrixir nestes orzamentos”

  • O secretario xeral do PSdeG denuncia que son o 53% das perceptoras da PAC en Galicia pero cobran case un 39% menos
  • No 20 aniversario de Fademur, esixe que o estatuto da muller rural chegue con cartos ás contas de 2027
  • Besteiro acusou a Xunta de discriminar Lugo e Ourense no reparto do Fondo de Compensación Interterritorial, “as dúas provincias onde a muller rural está máis presente e activa»

Lugo, 15 de outubro de 2026. O 53% das persoas que cobran axudas da PAC en Galicia son mulleres. Pero cobran case un 39% menos ca os homes. Con esa denuncia chegou hoxe José Ramón Gómez Besteiro ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, onde Fademur Galicia celebra o Día Internacional das Mulleres Rurais e as dúas décadas da federación.

O secretario xeral do PSdeG estivo alí cando naceu Fademur. «Teño esa lembranza moi próxima», contou á entrada. Vinte anos despois, a reivindicación «segue firme», e quen a sostén tamén: «A muller rural ten un enorme protagonismo no día a día do mundo rural. É unha muller que sofre a discriminación e a desigualdade».

A desigualdade non queda nas axudas agrarias. Son elas as que levan o peso dos coidados no rural, arredor de dous terzos da atención a familias e persoas dependentes. Besteiro reclamou que ese traballo se recoñeza e se iguale: «Sobre todo, temos que igualalo e temos que desenvolvelo con máis partidas orzamentarias».

Tamén falou de onde van os cartos. O líder socialista acusou a Xunta de discriminar Lugo e Ourense no reparto do Fondo de Compensación Interterritorial, as dúas provincias «onde a muller rural está máis presente e é máis activa». O Consello de Contas confirmou hai uns días que as dúas provincias seguiron fóra dos fondos que xestiona a Xunta en 2024, igual que en 2022 e 2023.

«O estatuto chega tarde»

O Consello da Xunta aprobou o martes o texto do estatuto das mulleres do rural, que agora pasa polo Consello Consultivo antes da súa aprobación definitiva. Para Besteiro, chega anos despois de que o Parlamento o reclamase e chega «baleiro e sen orzamento». De aí a esixencia do PSdeG: «Non queremos un estatuto baleiro de orzamentos, queremos que se encha cos orzamentos da Xunta de Galicia e cos fondos de cohesión europea».

A ocasión está aí, insistiu, xa que a Xunta levará as contas de 2027 ao Parlamento a próxima semana, e o socialista quere ver nelas a aposta polo rural «con cartos e con decisións». Resumiuno nunha frase: «Hai que crer no rural. E hoxe crer no rural é apostar pola muller rural».

Candidaturas do PSdeG ao Congreso e Senado

Á súa chegada a Lugo, Besteiro tamén valorou as candidaturas socialistas ao Congreso e ao Senado para as eleccións xerais do 29 de novembro, que os comités provinciais aprobaron onte nas catro provincias e que o Comité Federal ten que ratificar este sábado. Lembrou que o PSdeG escoita primeiro á militancia e decide despois nos seus órganos. «O resto de partidos aínda non sabemos como toman esas decisións, pero o Partido Socialista faino así, abertamente», dixo.

En Lugo, a meta está clara. Os socialistas triplicaron en votos o BNG na provincia nas xerais de 2023 e agora queren o segundo escano. «Imos a por ese obxectivo claramente, que é conseguir dous deputados na provincia de Lugo», asegurou Besteiro, que chamou ao voto da xente progresista nunha cita que definiu como «unha batalla definitiva, decisiva».

A xornada de Fademur, co lema «Mulleres rurais: liderado, xustiza e dereitos», reúne preto dun milleiro de mulleres de toda Galicia.

Noticias relacionadas