Julio Torrado Sanidade Televisión nos hospitais 1 de octubre de 2026

Julio Torrado reclámalle á Xunta que ofreza televisión gratuíta nos cuartos dos hospitais en vez de «espremer todo o posible aos pacientes»

O deputado socialista censurou “o cinismo do PP”, que, para non apoiar a medida, se escudou en que a rescisión do contrato dese servizo ten que sufragarse con cartos públicos: “Tamén se pagan con cartos públicos as mochilas do Xacobeo que levan ao pleno os deputados do PP e as camisetas que levan os ciclistas que acompañan a Rueda”

O portavoz de sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta que poña fin ao contrato de explotación dos aparatos de televisión nos cuartos dos hospitais públicos de Galicia.

Durante a súa defensa dunha iniciativa en comisión, sinalou que este servizo é, para moitas persoas que deben pasar días ingresadas, “a única fonte de entretemento” mentres se recuperan. Por ese motivo, afirmou que o feito de tratarse un servizo de pago “engade un custe ao problema de estar ingresado”, un gasto que, ademais, cualificou de “non menor”.

“Ver a televisión non te vai curar mellor nin máis rápido, pero todos sabemos o que é pasar días nun hospital, en primeira persoa ou cun familiar: o tempo non pasa”, indicou Torrado, que invocou a empatía cos pacientes en vez de tratar de “espremelos todo o posible”. Por iso, sumou este tipo de gastos aos “carísimos” aparcadoiros dos centros hospitalarios.

O deputado socialista recoñeceu que o debate “pode parecer pequeno”, mais subliñou que “ten a súa relevancia” e que incluso a Valedora do Pobo lle reclamou ao Goberno galego un informe sobre a televisión de pago nos cuartos dos hospitais. “Onde está?”, preguntouse Torrado.

Por outra banda, lamentou o “cinismo maleducado” do Partido Popular, que se negou a apoiar a medida escudándose en que se trata de cartos públicos e habería que analizar o importe da rescisión do contrato. “É lamentable. O Sergas non sabe o que contrata? Ninguén sabe o que custa rescindir o contrato?”, dixo Julio Torrado sobre o que cualificou de “milongas”.

“Tamén se pagan con cartos públicos as mochilas do Xacobeo que levan ao pleno os deputados do PP e as camisetas que levan os ciclistas que acompañan a Rueda”, recordoulles aos membros do Grupo do PP. “Para que vostedes leven unha mochila, alguén ten que pagar unha televisión nun hospital público”, afeoulles.

Noticias relacionadas