“É preocupante que tras todo ese tempo sigamos a elaborar diagnoses, facer enquisas, crear plataformas, cando xa deberíamos estar falando de resultados”, advertiu
A deputada socialista chamou a actuar “de xeito inmediato e con medidas tanxibles” en dous eidos, “previr que haxa excedentes e aproveitalos se os hai”
A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, censurou hoxe a falta de traballo da Xunta na súa “Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia”, que o propio Rueda anunciou a bombo e prato tras a reunión do Consello da Xunta do 8 de xuño.
A deputada do PSdeG lamentou que a comparecencia do Goberno galego en comisión parlamentaria esta mañá unicamente servise para facer “unha contextualización das dificultades” do problema e deixar patente a falta de avances. “É preocupante que tras catro meses sigamos a elaborar diagnoses, facer enquisas e crear plataformas, cando xa deberíamos estar falando de resultados”, lamentou.
“Estamos en outubro, e isto aprobouse en xuño”, insistiu tras constatar que non hai información sobre moitos dos compromisos derivados daquela xuntanza do Goberno galego. “Iso si, xa hai creada unha comisión. Crea unha comisión e dilatarás no tempo sen dar respostas a cuestións importantes”, criticou.
Referiuse tamén ao manifesto que o Goberno galego se comprometeu a impulsar para que se adherisen as empresas. “Dous meses para redactalo e outros dous á espera”, dixo.
Méndez sinalou que habería que estar actuando xa “en todos os niveis da cadea”, como son produtores, industria de transformación, hostalería, comedores e fogares. Segundo destacou, o primeiro reto “é medir, porque precisamos saber canto se desperdicia e en que punto, co fin de marcar obxectivos e impulsar medidas efectivas”. “O que non se mide, dificilmente se pode mellorar”, engadiu.
A parlamentaria do PSdeG subliñou a necesidade de partir dunha “diagnose precisa” se se pretende “establecer unha política seria de prevención”, e que por iso o Grupo Socialista xa levara á mesma comisión unha iniciativa a través da que reclamaba ese traballo. “Pero o PP votou que non”, recordou.
“Compre actuar de xeito inmediato e con medidas tanxibles”, salientou Lara Méndez, que apuntou a necesidade de actuar en dous eidos, “previr que haxa excedentes e aproveitalos se os hai”, algo que a Xunta aínda non está a facer. De feito, afeoulle que aínda este ano se achegou a comunidades como o País Vasco ou Cataluña para coñecer como se está enfrontando o problema. No caso da segunda, desde hai xa 14 anos.
