Advirte que o PP foi beneficiario de 13 dos 15 convenios asinados por Augas de Galicia nos últimos catro meses
Santiago de Compostela, 06 de outubro de 2026. A portavoz de Política Local do Grupo Socialista, Lara Méndez, denunciou hoxe que o goberno galego “está cómodo na opacidade” para xestionar o canon da auga con “discrecionalidade, parcialidade e clientelismo”. Méndez presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para esixir transparencia sobre a recadación e o posterior reparto dos fondos concello por concello “da A á Z, dende Abadín ata Zas”, que será votada mañá mércores.
A responsable socialista criticou que o PP “non entende a política de outra forma que non sexan o favoritismo e o clientelismo”, e puxo como exemplo os convenios de Augas de Galicia dos últimos catro meses, nos que 15 convenios beneficiaron a 13 concellos do seu partido. Os outros dous foron un para Carballeda de Avia -que recibiu 90.000 euros fronte aos 3 millóns dos concellos do PP- e Cee e Corcubión, que tiveron que ser complementados con fondos da Deputación da Coruña.
Lembrou ademais que estes convenios son financiados por cartos procedentes do canon da auga, que os concellos teñen que recadar aos veciños e veciñas cando a Xunta é quen fixa a taxa. O goberno galego, dixo, non está á hora de cobrar, pero “aparece cando hai que anunciar o investimento”, que ilustrou amosando as fotos dos responsables da Xunta cos alcaldes e alcaldesas do PP.
Criticou que os concellos teñen que “sufrir día si e día tamén” a “discriminación da Xunta” e, dixo, “é triste que teñamos que vir ao Parlamento cunha Proposición non de Lei para que nos dean información e non utilicen os fondos de tódolos galegos e galegas coma se foran propios do PP”. Lamentou que “o diccionario do PP non inclúa as palabras xusto, equitativo, redistributivo nin transparencia”.
