A responsable socialista denuncia a “política partidista e clientelar” da Xunta ao contratar a intervención nas festas parroquiais cunha empresa que pertence a unha asesora de Candia
Santiago de Compostela, 09 de outubro de 2026. A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiu hoxe responsabilidades políticas polo uso presuntamente irregular do logo da Xunta no cartel das Festas da Milagrosa de Lugo. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento, na que o responsable de Turismo de Galicia negou ter autorizado o uso deste grafismo porque, dixo, non tiñan feito ningunha aportación a estas festas este ano.
A responsable socialista emprazou ao director da Axencia de Turismo de Galicia a “explicar que fai o logo da Xunta no cartel das festas”, e preguntoulle se “vai pedir responsablilidades a quen utiliza o logo da Xunta sen permiso, colaboración ou achega” por parte do Executivo.
Méndez preguntou pola aparición deste emblema nunhas festas que foron noticia logo de que o fora recuperado o concurso da raíña das festas e das damas de honra, unha práctica desterrada do Concello por unanimidade da Corporación municipal no ano 2016. Lamentou que o Concello colabore cunhas festas que recuperan unha práctica “propia de tempos pretéritos” coa que “cosifican ás mulleres perpetuando estereotipos de xénero”.
A parlamentaria socialista advertiu que as festas da Milagrosa deste ano son autorizadas coa única sinatura dun concelleiro, baixo o proxecto dun asesor de Candia e solicitadas por unha asociación que non é do barrio.
Méndez criticou o uso “discrecional e arbitrario” das axudas do goberno galego para as festas parroquiais “en función de quen as organice en cada barrio”, sinaladamente dende o desembarco de Candia na política municipal. Acusouna de empregar á Axencia de Turismo de Galicia a modo de “chequeira particular” para conformar unha “rede clientela” de “compra de vontades” que, dixo, “terán que explicar por que o consinten” dende o Executivo.
Sinalou que hai festas de barrio que superan os 12.000 e os 15.000 euros, mentres San Froilán, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, recibe 25.000 euros, e o San Froilán, declarada de Interese Turístico Internacional, recibe 40.000 euros, contías que palidecen fronte aos 200.000 euros que leva recibido a Festa Indiana nos dous últimos anos.
Lucus Espectáculos
Lara Méndez explicou que no dito cartel das Festas da Milagrosa, ademais do logo da Xunta e do Concello aparece o da empresa Lucus Espectáculos, unha entidade na que figura como administrador único unha asesora de Candia no Concello e que ten asinado convenios coa Axencia de Turismo de Galicia de entre 200 ata os 10.000 euros.
A responsable socialista ironizou con que a titular da empresa “debe de lle estar asesorando á alcaldesa para que lle contrate as festas, que poidan recibir axudas para os fins que vexan oportunos e xerar a súa rede clientelar”.
