Silvia Longueira aféalle a Política Social de provocar o “desarraigo” dos usuarios das residencias aos que obriga a desprazarse afastados do seu entorno
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou ao goberno galego de incumprir co Concerto Social para “aforrar” na atención ás persoas con discapacidade a costa de descargar as súas responsabilidades nas deputacións, concellos e o terceiro sector. Na comparecencia da directora xeral de Persoas con Discapacidade afeoulle que a falla de recursos por parte do goberno galego obrigou ás entidades a abrir liñas de crédito en 2025 para sobrevivir.
Longueira criticou a “falla dunha política sólida” en materia de atención ás persoas con discapacidade, obrigando ás entidades do terceiro sector a asumir as competencias do goberno galego en condicións precarias.
Alertou da falla de interese ás políticas sociais por parte do goberno galego, deixando a atención temperá “durmindo o son dos xustos”, con servizos insuficientes para a cidadanía que máis o precisa. Sinalou tamén a falla dunha vesrdadeira educación inclusiva, que “non é tal” pola falla do goberno galego de cubrir as plantillas de profesionais de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o que no curso pasado provocou “moitísimos problemas” nos centros.
Desarraigo
A responsable socialista acusou ao goberno galego de provocar “problemas de desarraigo” nos usuarios das residencias de Política Social porque os obrigan a desprezarse “a quilómetros de distancia” do seu entorno pola falla de oferta pública. Lembrou que son as deputacións provinciais e as entidades privadas as que están a construír residencias porque o goberno do PP “dende 2010 decidiu non facelo”.
