Aitor Bouza Educación Neda 29 de octubre de 2026

O Grupo Socialista acusa ao PP de negarse a que a Xunta faga as obras necesarias para garantir a seguridad e a salubridade no CEIP San Isidro de Neda

O responsable socialista aféalle ao PP que vote en contra mesmo de facer un informe sobre o estado do centro

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2026. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, lamentou hoxe que o PP rexeitara na Comisión de Educación do Parlamento a proposta que presentou hoxe para reclamarlle á Xunta que faga as obras necesarias para garantir a seguridade, a salubridade e o correcto funcionamento da actividade do CEIP San Isidro de Neda.

Bouza mesmo pediu o voto separado dos apartados desta iniciativa, pero o PP tamén rexeitou pedirlle ao goberno galego que faga un informe técnico integral para avaliar o estado de conservación do centro, as filtracións, a fenda que atravesa a fachada do inmoble e o conxunto de necesidades estruturais do centro. Criticou que o PP teña rexeitado esta proposta aínda que, segundo revelou, a Consellería enviou onte aos técnicos a avaliar as eivas do edificio.

O responsable socialista ironizou con que a Consellería agardara ao día antes do debate da proposta para desprazarse a Neda e preguntar polas deficiencias que sinala na iniciativa, e considerou incomprensible que nin así o PP aceptara apoiar as demandas trasladadas pola comunidade educativa.

Afeoulle ao PP que “veñan fachendearse de que fixeron un ascensor no que entra auga”, e desatendan as chamadas de atención da comunidade educativa do concello, que alertan de que o alumnado “non pode convivir cunha falla de seguridade evidente” mentres o goberno galego se limita a “poñer parches”. Criticou que se limitaran a “facer unha visita” onte mentres o CEIP padece da súa “falta de planificación consolidada evidente” para atender ás deficiencias do centro.

O Parlamentario socialista criticou que o PP prefira aprobar bonificacións fiscais “aos máis ricos”, que supoñen que o conxunto dos galegos e galegas teñen 800 millóns de euros menos cos que “poderían facer as actuacións que fan falta” en centros educativos como o de Neda.

Noticias relacionadas