Lara Méndez urxe ao goberno galego a centrarse na desestacionalización do turismo porque “hai marxe de mellora”
Santiago de Compostela, 09 de outubro de 2026. A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Lara Méndez, alertou hoxe de que o goberno galego segue sen presentar a programación do Xacobeo cando faltan pouco máis de dous meses para que comece o Ano Santo 2027. A responsable socialista interveu na comparecencia do director da Axencia de Turismo de Galicia no Parlamento para presentar o balance da tempada de verán.
Méndez criticou que escasas semanas antes de que chegue o momento, o goberno galego segue sen explicar “que colaboracións hai, onde van actuar ou onde van programar actividades”. Advertiu da responsabilidade do goberno galego con esta celebración, sinaladamente cando supón “case en exclusiva” a política turística que desprega o goberno galego, logo de recortar en 20 millóns o orzamento na materia e reducir en 10 millóns as transferencias aos concellos en turismo.
A parlamentaria socialista emprazou ao goberno galego a centrar os esforzos na desestacionalización do turismo porque “hai marxe de mellora” para non centralo na tempada de verán. Salientou a diferenza da chegada de turismo entre os meses estivais e o resto do ano, xa que a ocupación hoteleira pasa do 23,6 por cento en xaneiro ao 68,2 en agosto.
Explicou que un maior reparto do turismo nos meses con menos actividade “enriquece a tódolos niveis” tanto dende o punto de vista económico como nunha maior estabilidade do emprego e maior presenza turística en todo o territorio”. Apuntou que “ter os hoteis cheos en agosto demostra que Galicia pode ser un destino atractivo, pero tamén demostra que non hai política de desestacionalización”.
Reclamou ademais datos certos sobre o impacto económico real do turismo en Galicia, porque “só falan de porcentaxes de turistas, non sabemos o que quedou aquí en termos de gasto real diario. Tamén reclamou información sobre o impacto do turismo no emprego, e que ofrezan información sobre o tipo de contratos asinados, as horas traballadas, o salario medio e cantos destes contratos permanecen cando remata o mes de setembro con empregos estables e de calidade.
