Silvia Longueira censura que Política Social excluíra da axuda ás familias que asistiran a campamentos de verán públicos
Santiago de Compostela, 06 de outubro de 2026. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, criticou hoxe que o Bono Concilia da Xunta é “escaso e malo” pola xestión nefasta por parte da Consellería de Política Social, que excluíu das axudas ás familias que asistiran a campamentos de verán públicos. Longueira presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que inclúa a estas familias e que elimine o requisito das próximas convocatorias, pero que foi rexeitada polo PP.
Longueira criticou que Política Social tomara esta decisión, que penaliza ás familias que utilizan recursos organizados polas administracións públicas logo de ter aos pequenos apuntados nos campamentos, polo que “mudaron as regras do xogo cando o partido xa estaba iniciado”. Sinalou que “as regras deben de coñecerse antes e ser claras” para garantir seguridade para as familias que empregan o recurso e os concellos ou deputacións que organizan os servizos.
Reclamou que o criterio sexa o de atender ás necesidades das familias e non a titularidade dun servizo que “non tódalas familias poden escoller, polo que a elección non pode converterse nunha desvantaxe”. Puntualizou que o Bono Concilia “debe atender a unha necesidade” e á corresponsabilidade, xa que ademais de apoiar á familia, tamén supón un impulso á política de igualdade entre homes e mulleres.
Proposta
A proposta presentada polo Grupo Socialista reclamaba modificar a regulación do Bono Concilia Familia para incluír entre os gastos subvencionables a asistencia a campamentos, escolas de verán e outros recursos de conciliación organizados polas administracións públicas. Tamén pedía que nas próximas convocatorias eliminen a exclusión destas axudas aos campamentos públicos e garantir que as familias accedan á axuda en función da necesidade de conciliación.
Tamén propoñía unha convocatoria extraordinaria para que as familias afectadas non sexan prexudicadas polo cambio de criterio da Xunta, abrir diálogo coa Fegamp e as deputacións para coñecer o impacto desta exclusión e presentar información anual sobre o efecto real deste recurso.
