Silvia Longueira sinala que o acordo non incorpora o ensino en galego por bloques pero si máis presenza da lingua en Educación Infantil, FP e nos centros plurilingües
O acordo inclúe o recoñecemento do galego nas institucións europeas e por primeira vez incorpora á RAG, ao Consello da Cultura Galega e colectivos en defensa da lingua na avaliación anual do Plan
Santiago de Compostela, 07 de outubro de 2026. A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento as melloras incorporadas polo PSdeG ao Plan de Normalización Lingüística. Longueira na continuación ao debate que comezou onte, no que apelou á responsabilidade dos socialistas galegos para aproveitar a “oportunidade de sentarnos para mellorar a situación crítica do galego”.
A responsable socialista explicou que o Pacto para incorporar as propostas presentadas polos socialistas galegos no Plan responden a unha situación “in extremis” pola caída drástica no uso da lingua logo de 17 anos de políticas do PP. Lembrou que o Plan incorporará por primeira vez a avaliación da súa execución por parte dun Consello Asesor no que por primeira vez estarán presentes a RAG e o Consello da Cultura Galega, e que será presentada no Parlamento cada ano.
Aludiu ao pacto, que foi apoiado pola Real Academia Galega e polo Consello Consultivo, polo que a Xunta levantará o veto a impartir as materias científicas e tecnolóxicas en galego, rematando cunha exclusión “inxustificable”, e desmentiu que o acordo incorporase o ensino en galego por bloques, polo que en base ao mesmo “non é verdade que se estudas Física non podes estudar Historia en galego”.
Ademais, garante que o 50 por cento do horario lectivo se imparta en galego e incrementa o galego na Educación Infantil e en FP e máis presenza da lingua nos centros plurilingües, e inclúe ademais o recoñecemento do galego nas institucións europeas.
O goberno galego deberá incrementar o orzamento do Plan da Lingua en 1,5 millóns de euros cada ano, e nos primeiros catro deberán mobilizar máis de 65 millóns para o fomento, difusión e promoción do galego. Ademais, incrementarán o apoio ao galego nos medios, incluíndo programación infantil propia e específica en galego na televisión pública, axudas á produción audiovisual na lingua, avances na IA e a creación dun Plan de Fomento da Lectura na lingua galega.
A parlamentaria socialista explicou que o acordo supón un avance pero non chega aos obxectivos defendidos polos socialistas galegos, que manteñen que o ensino en galego sexa de “como mínimo” no 50 por cento das materias. Ademais, explicou que “quixéramos facer dereitos lingüísticos, igualdade de oportunidades e competencia real” no galego, ademais de impulsar o “uso social, cohesión, innovación e consenso” na defensa e promoción da lingua.
