Curtis Sanidade Silvia Longueira 1 de octubre de 2026

O PSdeG denuncia a situación crítica do centro de saúde de Curtis: «A médica tivo que abandonar a consulta e deixala baleira para levar enfermos ao Chuac»

A deputada socialista Silvia Longueira sinalou que a propia veciñanza está advertindo que a única facultativa “está completamente esgotada”

Censurou o estado da sanidade na comarca, con “veciños totalmente desatendidos” en Irixoa e Coirós e os ambulatorios da Castellana e Aranga “sen asistencia médica”

Silvia Longueira denunciou hoxe en comisión parlamentaria a situación na que se atopa a atención sanitaria na comarca de Betanzos, e especialmente “en Curtis e a súa contorna”. A deputada socialista puxo enriba da mesa, como exemplo, un incidente acontecido este verán, mais sinalou que non se trata dun caso illado. Tal como explicou, “a médica do centro de saúde tivo que abandonar a consulta e deixala baleira para levar enfermos ao Chuac”.

“Isto pasou, pero o peor é que pode volver pasar”, alertou Longueira, que denunciou a falta de profesionais sanitarios na comarca. Ante a gravidade da situación, demandou da Xunta que informe sobre cal é a súa planificación para evitar que o problema se repita en momentos como os picos da gripe ou as vacacións de Nadal.

Por iso, lamentou que o Grupo do PP, que sostén ao Goberno galego, se negase a apoiar esa “sinxela petición” e criticou que a Xunta, en vez de asumir as súas competencias e responsabilidades, sempre derive calquera problema aos concellos ou ao Estado. “Entón estamos tirando pola fiestra o salario de conselleiros e dunha serie de cargos totalmente ineptos”, dixo.

Longueira insistiu en que o centro de saúde de Curtis conta cunha única facultativa que, segundo advirte a propia veciñanza, “está completamente esgotada”. A iso uniu que a cidadanía “está totalmente desatendida” en municipios coma Irixoa e Coirós, mentres que os ambulatorios da Castellana e Aranga permanecen “sen asistencia médica”.

Noticias relacionadas