Paloma Castro PARLAMENTO DE GALICIA Poio 7 de octubre de 2026

O PSdeG reclámalle á Xunta que constrúa en Poio o novo centro de saúde que prometeu en 2022 e polo que a veciñanza «leva esperando unha década»

“Pasan os anos e os anuncios electorais, pero o que non chega son as obras, e o máis preocupante é que seguimos sen ter un calendario”, criticou a deputada Paloma Castro, que lle esixiu ao Goberno galego “prazos concretos”

 

 

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026. A deputada socialista Paloma Castro insistiu hoxe no Parlamento galego na urxencia de levantar en Poio un novo centro de saúde. Trátase dunhas instalacións que, tal como recordou, xa foron comprometidas pola Xunta hai catro anos e polas que a veciñanza de Poio, un concello que supera os 17.000 habitantes, “leva esperando unha década”.

 

Casto advertiu sobre as limitacións do ambulatorio de Anafáns, onde falta espazo para os profesionais e para os pacientes, ademais de ser imposible incorporar novos servizos asistenciais “que deberan formar parte dunha atención primaria digna e adaptada aos tempos”. De feito, xa en 2022 a Administración autonómica incluíu no seu Plan de Infraestruturas Sanitarias a construción dun novo centro de saúde “de máis de 2.200 metros cadrados”.

 

Mais “pasaron os anos, anuncios e promesas electorais, pero o que non chegou foron as obras, e o máis preocupante  é que seguimos sen coñecer un calendario concreto”, criticou a parlamentaria do PSdeG.

 

Na súa intervención no pleno, sinalou que o anterior goberno local de esquerdas adquiriu os terreos da antiga canteira da Graña para destinalos, entre outros usos, a esa infraestrutura sanitaria. Ademais, a Xunta confirmou con posterioridade “o seu compromiso” de impulsar unhas instalacións que permitirían incorporar servizos coma fisioterapia, saúde bucodental ou traballo social.

 

Porén, pasados máis de tres anos do cambio de goberno municipal, a “inacción” do PP mantén paralizado o novo centro de saúde, que non pasou do papel. Nese senso, censurou que nin se teña abordado a construción dos accesos. De feito, o grupo socialista no Concello propuxo hai un mes unha conexión coa PO-308 pola zona da Coruxa.

 

“Concello e Xunta teñen que poñerse de acordo”, esixiu Paloma Castro, que subliñou: “Non é aceptable que unha cuestión que se debe resolver entre administracións se converta nun motivo para deixar pasar os meses e os anos”.

 

“Mentres discuten sobre parcelas, accesos, convenios e proxectos, quen sofre as consecuencias é a veciñanza”, afirmou para reclamarlle ao Goberno de Rueda que manifeste dun xeito claro “que falta, quen o ten que facer e en que prazo”.

 

Castro referiuse tamén ao que está a acontecer coa atención primaria en Poio mentres a cidadanía agarda polo novo ambulatorio. “Sobrecarga, falta de cobertura de prazas e cupos que roldan os 1.400 pacientes por facultativo”, relatou en relación cunha cuestión que quixo deixar “moi clara”. “A promesa dun futuro centro de saúde non pode servir de escusa para desatender aos que funcionan hoxe”, salientou.

Noticias relacionadas