Lingua PARLAMENTO DE GALICIA Silvia Longueira 6 de octubre de 2026

Silvia Longueira sinala que o «panorama desolador» da lingua obriga a actuar para mitigar a caída libre do galego nos últimos 17 anos

Explica que a intervención do PSdeG levantou o veto ás materias científicas e tecnolóxicas, impulsará o galego en tódolos niveis do ensino e garantirá 65 millóns de investimento nos próximos catro anos

Santiago de Compostela, 06 de outubro de 2026. A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, sinalou hoxe que o “panorama desolador” do galego logo de 17 anos de políticas do PP obriga a actuar para ofrecer “unha resposta útil” para frear a caída libre no uso do galego. Así o dixo no debate do Plan de Normalización que tivo lugar hoxe no Parlamento, e que incorporou “melloras substanciais” acadadas polos socialistas galegos para “avanzar cara unha posición mellor”.

Longueira puntualizou que o Plan de Normalización está “lonxe” dos obxectivos que defende o PSdeG, pero co pacto acándanse melloras porque “sería unha irresponsabilidade manifesta” deixar de traballar para mellorar a situación da lingua, o que “non é fácil, pero é necesario”. Apuntou que os e as socialistas galegos ofrecen “unha resposta útil, que nin salva nin da honores, simplemente trata de ser útil”.

A responsable socialista citou ao presidente do goberno cando onte advertiu que “non hai que confundir pactar con traizoar, e bloquear con vencer”. Explicou que logo de meses de escoita con colectivos, institucións e persoas que levan anos traballando pola lingua e pola cultura galegas, o PSdeG participou para propoñer medidas alternativas ao Plan para “frear a caída libre da empregabilidade do galego”.

Neste sentido, lembrou que logo de 17 anos de políticas do PP, os datos do IGE revelan que en 20 anos Galicia perdeu case medio millón de persoas que falaban sempre en galego. Así, entre 2003 e 2023 a porcentaxe de poboación que fala sempre en galego pasou do 42,98 ao 23,99 por cento, pasando de 1.112.670 a só 620.137.

Apuntou que os datos oficiais demostran que o uso habitual da lingua retrocede, a transmisión ás novas xeracións diminúe, e os novos espazos de socialización, sinaladamente o dixital, presentan unha presenza moi reducida.

Levantar o veto inxustificable ao galego

Sinalou que grazas ao pacto acadado polos socialistas galegos a Xunta levantará o “veto inxustificable” a impartir as materias científicas e tecnolóxicas en galego, “poñendo fin á exclusión sufrida ata agora”. Ademais, garante que o 50 por cento do horario lectivo se imparta en galego “de forma clara e medible, ademais de incrementar o galego na Educación Infantil e en FP, para que o alumno remate os estudos “con plena competencia para exercer a súa profesión tamén en galego”.

Dixo que o cumprimento destes obxectivos terá unha dobre avaliación, primeiro co seguimento de obxectivos e avaliación no plan lingüístico dos centros educativos e a continuación a través dun informe anual que presentarán no Parlamento.

Explicou que, ademais de no ensino, o Plan de normalización deixará de depender só da vontade do Goberno e pasará a ter mecanismos reais de control e cumprimento, cunha dobre avaliación anual. Esta avaliación contará co papel fundamental do Consello Asesor da Lingua Galega, no que participarán os grupos parlamentarios, a RAG, o Consello da Cultura Galega e entidades vencelladas á defensa do idioma.

Longueira sinalou que o goberno galego deberá incrementar o orzamento do Plan da Lingua en 1,5 millóns de euros cada ano, e nos primeiros catro deberán mobilizar máis de 65 millóns para o fomento, difusión e promoción do galego.

Ademais, incrementarán o apoio ao galego nos medios de comunicación, incluíndo programación infantil propia e específica en galego na televisión pública, axudas á produción audiovisual na lingua, avances na IA e a creación dun Plan de Fomento da Lectura na lingua galega.

Noticias relacionadas