Julio Torrado PARLAMENTO DE GALICIA Sanidade 1 de octubre de 2026

Torrado sobre as listas de espera sanitaria: «O conselleiro ten 425.942 motivos sobre a súa «incapacidade»

Julio Torrado esixe melloras das condicións laborais dos profesionais, transparencia sobre as listas de espera reais e devolverlle a capacidade de fiscalización á inspección médica

Santiago de Compostela, 01 de outubro de 2026.O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu que Galicia vén sumar un novo récord negativo -e xa van catro anos- nunha Consellería que “ten hoxe 425.942 razóns para replantearse se é capaz de xestionar a sanidade galega”. Con 50.000 persoas en espera máis que no último cómputo, o responsable socialista advertiu que as listas de espera hospitalaria dan a medida do fracaso na xestión da sanidade por parte do PP.

Torrado criticou que o goberno galego “está interesado en que o sistema non vaia tan ben para poder promover outros modelos sanitarios e para poder utilizalo na guerra partidista na que todo lles vale”. Respondeulle así ao conselleiro, que onte dixo que esta cifra rachaba cunha tendencia positiva, co que “é mentir ou é celebrar que cada vez espere máis xente”, xa que Galicia leva catro anos marcando novos máximos nas listas de espera.

Apuntou que “necesitamos decisións valentes e menos tertulianos de argumentario fácil”, en alusión ao conselleiro que se limitou a sinalar á folga de médicos como único argumento. Advertiu que “catro semanas de folga das 40 que levamos de ano non explican a suba das esperas nos últimos catro anos”, ademais de que ““falar da folga que cifraron entre o 15 e o 20 por cento non é unha irresponsabilidade, senón que é bastante indigno como argumentación”.

Acusou neste sentido ao conselleiro de apuntar ao Estado cando dende marzo non hai operacións polas tardes -as chamadas peonadas- porque se nega a falar cos médicos, e explicou que “non se trata dun problema de hoxe ou de onte, senón que leva moitos anos arrastrando un sistema sostido dunha maneira absolutamente ineficiente”.

Engadiu ademais que o dato, malia ser oficial, non é real, xa que deixan fóra ás persoas en espera que non teñen a cita marcada na axenda -as chamadas esperas non estruturais-, así como tampouco contabilizan ás que esperan pola segunda e seguintes consultas, así como tampouco aos que esperan ata un mes pola cita de Atención Primaria.

Propostas

Torrado acusou ao goberno galego de “falar moito pero cumprir bastante pouco” e reclamou a mellora das condicións laborais dos profesionais, sentándose dunha vez a falar cos profesionais sanitarios que levan protestando dende marzo contra a xestión da Consellería. Ademais reclamou transparencia e que o cómputo das listas de espera “se faga real”, incluíndo a tódolos galegos e galegas nas listas de espera non estruturais, as segundas citas e en Atención Primaria.

Finalmente, o responsable socialista reclamoulle ao PP que lle devolva a capacidade de fiscalización das listas de espera á Inspección Médica, reforzando este servizo con máis persoal e así poidan ofrecer unha diagnose certa dos servizos que funcionan mellor. Explicou que o goberno deixa a xestión das listas de espera nas mans dos servizos de admisión, dirixidos por un “cargo de confianza”, que “contan que está todo moi ben”.

Advertiu que mentres as listas de espera medran, cando cada vez hai máis xente esperando e cada vez esperan máis tempo, “ninguén lle pon ningún problema nin ningunha solución”, e se limitan a “comentar as realidades con versión de argumentario de partido e mirar a que siga chovendo”.

Noticias relacionadas