- O secretario xeral do PSdeG lembrou que a memoria democrática, ademais de facer xustiza co pasado, é «unha ferramenta imprescindible para protexer o presente e o futuro da nosa democracia”
- Besteiro destacou que «cumprimos o noso compromiso» e definiu a declaración como «un recoñecemento á cidade e á xente que loitou pola liberdade, a igualdade e os dereitos»
- Os socialistas vixiarán que Concello e Xunta fagan a súa parte cos 22 espazos recoñecidos hoxe no BOE
Ferrol, 2 de novembro de 2026. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou hoxe en Ferrol a publicación no Boletín Oficial do Estado da resolución que declara a cidade Lugar de Memoria Democrática. Fíxoo diante do muro do instituto de Canido, levantado sobre o antigo cemiterio civil onde se fusilaba a quen defendía a liberdade. «Cumprimos o noso compromiso», afirmou Besteiro, que definiu a declaración como «un recoñecemento á cidade e á xente que loitou pola liberdade, a igualdade e os dereitos».
O líder dos socialistas galegos lembrou que hai xusto un ano se reunira na Casa do Pobo coas entidades memorialistas con motivo do inicio formal do procedemento, que a Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática incoou o 4 de novembro de 2025. Con aquel paso, dixo, o Goberno «recoñecía e referendaba o labor de todas as persoas que traballaron arreo para facelo posible», e facíao ao abeiro da Lei de Memoria Democrática que impulsou o Goberno de Pedro Sánchez e que saíu adiante en 2022 cos votos en contra do PP e de Vox.
«Hoxe xuntámonos de novo coa asociación para celebrar a culminación dese proceso», engadiu. A resolución, asinada o 21 de outubro polo secretario de Estado de Memoria Democrática, lembra que en Ferrol a sublevación militar triunfou o 22 de xullo de 1936, despois de tres días de resistencia, e deu paso a unha represión sistemática. Recolle tamén a tradición de loita obreira da cidade, das folgas na antiga Bazán aos sucesos de marzo de 1972.
Besteiro detívose nalgúns dos 22 lugares incluídos, que considera importantes para a historia de Ferrol pero tamén para a de Galicia e a de toda España. Citou o Castelo de San Felipe, convertido en prisión militar e centro de fusilamentos tras o golpe; o estaleiro, hoxe Navantia; o monumento ao 10 de marzo de 1972 e o monolito dedicado a Pablo Iglesias, «o noso fundador», que naceu en Ferrol.
Tamén se referiu ao lugar no que falaba, o antigo cemiterio de Canido, onde «tantas persoas foron fusiladas por defender a legalidade democrática ou, simplemente, polas súas ideas». O cemiterio conservou ata 1965 varias fosas comúns con trescentas vítimas da represión entre 1936 e 1945, segundo recolle a resolución publicada hoxe. Ao lado, no parque Antón Varela, está o memorial cos nomes das 904 persoas asasinadas pola ditadura nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, un monumento impulsado, en palabras de Besteiro, «polas entidades memorialísticas da man dos gobernos progresistas de Ferrol».
A declaración obriga a garantir que eses lugares se conserven e se sinalicen como corresponde, e o secretario xeral do PSdeG deixou claro que agora lles toca ao Concello e á Xunta facer a súa parte para que a cidadanía os coñeza. «E estaremos vixiantes para que así se faga», advertiu.
Besteiro defendeu que hoxe a memoria «é máis importante ca nunca». Primeiro, porque «unha sociedade democrática ten a obriga de lembrar a todas as persoas que pagaron a nosa liberdade coas súas vidas». E tamén porque, segundo dixo, «non debemos esquecer que a ultradereita xa gobernou este país e que fixeron falta décadas para recuperar a liberdade e superar as consecuencias da ditadura».
O secretario xeral pechou a súa intervención inicial lembrando que a memoria democrática, ademais de facer xustiza co pasado, é «unha ferramenta imprescindible para protexer o presente e o futuro da nosa democracia».
“O primeiro é atender ás vítimas e as súas familias e seguir investigando”
Á pregunta dun xornalista sobre se o ministro de Transportes, Óscar Puente, debería dimitir tras o accidente ferroviario de Urda (Toledo), Besteiro respondeu que «o que debemos ser é absolutamente coherentes» e marcou unha orde de prioridades. A primeira, dixo, «segue sendo atender as vítimas e as súas familias», un labor que non remata hoxe e que ten que manterse «nos días e nos meses sucesivos».
Despois, «claro que si, unha investigación». Lembrou que xa hai dúas en marcha, unha de autoridades independentes e outra xudicial, e explicou para que serven: «Necesitamos todos coñecer a verdade, coñecer que foi o que fallou ou que non fallou, cales foron os erros que se puideron ter cometido e que si se podían ter evitado». Cando esa investigación diga cales son as responsabilidades, engadiu, chegará o momento de «depurar todas as responsabilidades políticas e as que non sexan políticas». Para Besteiro, «ese é o procedemento lóxico».
O secretario xeral do PSdeG defendeu a posición do Goberno de «iniciar unha investigación absolutamente transparente que nos permita esclarecer a verdade do que aconteceu» e considerou que «o que hai que esixir» é o que está a facer o ministro, «que dea a cara, que non se escape, que dea explicacións públicas».
Puente comparece mañá, a petición propia, na Deputación Permanente do Congreso. «Iso é o que lle pido ao Goberno, que non escape, que non mire para outro lado, senón que dea toda a información da que dispón e que non entorpeza unha investigación, como creo que se está facendo», sinalou.
«E a partir de aí xa poderemos todos extraer as responsabilidades políticas e as outras responsabilidades que se poidan derivar desa investigación», concluíu Besteiro, que insistiu en que o primeiro son «as vítimas e as súas familias», porque aínda quedan vítimas por identificar.
